#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

ButacaZero: IRIBARNE

  • Categoría: +TEATRO

  • Dirixido a: Adulto

  • Duración do espectaculo: 180 minutos (descanso de 15 minutos incluído)

  • Persoa representante : María Esther Fernández Carrodeguas

  • Datos de contacto : 629 694 432 - oficina@butacazero.com

  • Páxina web do grupo : https://butacazero.com/espectaculos/iribarne/

  • Sinopsis da compañia :

    ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica. ButacaZero popularizouse en Galicia no ano 2016 grazas á estrea de Voaxa e Carmín na Mostra Internacional Ribadavia e desde entón investigaron o esquecemento con na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], a identidade galega con #camiños (en coprodución co CDG), a vida de María Casares con Despois das ondas, a vida confinada con 32m2, a violencia machista coa ópera Papagena e a gordofobia con O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, estreada en 2023 no Teatro del Barrio. Coas súas obras estiveron en case todos os teatros e festivais de Galicia, dende a MIT ao FITO pasando pola Mostra de CEE, a Internacional de Teatro cómico e festivo de Cangas e o novísimo festival de teatro contemporáneo USCénica. As súas montaxes foron recentemente recoñecidas co Premio do Público na 40ª MIT de 2024, así como mención especial dos programadores da Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca. Ademais, foron candidatas numerosas veces nos Premios María Casares de Teatro, conseguindo non poucos galardóns. Tamén foron candidatos aos Premios Max nas dúas últimas ocasións. Estes últimos anos dan un paso adiante apostando por un novo modelo de xestión creativa expandida e transmedia, produto da cal nace IRIBARNE en coprodución co Centro Dramático Nacional. Unha nova etapa ButacaZero con moito máis risco tanto empresarial como político e por suposto: artístico.

  • Sinopsis do espectaculo:

    IRIBARNE é un tipo nado na mesmísima vila de Rouco Varela (si: o cardeal) durante a Monarquía de Alfonso XIII (o primeiro promotor do cine porno en España?, si-si: ese). Emigrado a Cuba con tan só un aniño -coincidindo con inauguración da ditadura de Primo de Rivera- tras facer as Américas durante un par de anos o noso protagonista volve triunfante para ser o fillo do alcalde (e o da francesa!). Empeza o bacharel coa entrada da II República, case-case se fai cura durante a Guerra Civil pero decide liscar a Madrid -seguindo o rastro doutro galego ilustre- nada máis inaugurada a Era do Devandito (si, claro: O Caudillísimo). Con tanto afán tentou ser como o que máis pronto que tarde chegou a ser Ministro no seu mandato, a pesar de ter disparado dous días antes contra o cu da súa filla (pero que dis!? Si-si: dato real!). Sendo o primeiro e mellor opositor de España, quixo substituír ao Caudillo cando este morreu. Non puido ser: non ía por oposición. Tivo que conformarse co cargo de Vicerrei na súa querida Terra Galega. IRIBARNE é unha investigación escénica sobre unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón. Pero ollo: por máis que o poida parecer, isto NON é un biopic sobre Manuel Fraga. Teríanos encantado facelo… pero non collía nunha soa obra!

  • Caché con IVE : 6500.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 7000.0 €

  • Técnica