#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

Títeres Cachirulo: As Xeneralas da Ulla

  • Categoría: +TEATRO

  • Dirixido a: Todos os públicos

  • Duración do espectaculo: 60

  • Persoa representante : Títeres Cachirulo

  • Datos de contacto : 627 416 836 - cachirulo@titerescachirulo.com

  • Páxina web do grupo : www.titerescachirulo.gal

  • Sinopsis da compañia :

    A compañía Títeres Cachirulo inicia a súa actividade no ámbito do teatro de monicreques no ano 1985 e, dende entón, leva realizados máis de 35 montaxes de teatro de bonecos combinando textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, guiñol, sombras, obxectos e teatro de rúa, destacando espectáculos como "Pinocho", "O libro da selva" ou "Do, re, mi, Mozart xoga aquí", Premio ao Mellor Espectáculo de Marionetas no 4° Festival Iberoamericano de Teatro "Cumbre de las Américas" (Arxentina, 2008). Ademais desta actividade de creación e representación de espectáculos, os membros da compañía participaron en diferentes publicacións dentro do ámbito da animación á lectura, destacando as obras "Educación a la lectura para adolescentes ¿Cuántos cuentos cuentas tú?” ou "Te trueco un cuento. Animación a la lectura e interculturalidad", entre outras, e participando en distintas ocasións en campañas de dinamización lectora para o Ministerio de Educación e distintas autonomías. Títeres Cachirulo imparte periodicamente obradoiros creativos de elaboración de textos e dramaturxia, e de construción e manipulación de monicreques e marionetas de diversas técnicas. Por outra banda, a compañía organiza sesións de contacontos e narración oral en bibliotecas, concellos, centros culturais, etc. acompañadas de actividades de dinamización con teatro e música, dirixidas tanto a centros de ensino como público familiar. Cachirulo caracterízase por ter realizado un importante traballo de creación e investigación con mestres do teatro de monicreques como Francisco Peralta, Yang Feng, Guaira Castilla ou Chris Geris, da compañía belga Plansjet. A compañía abre en 1997 a Sala Yago de Santiago de Compostela, que permanece en funcionamento ata o 2007, cunha programación estable de teatro de monicreques e marionetas, á que posteriormente se incorporaron o teatro e as proxeccións cinematográficas. Así mesmo, a Sala Yago, galardoada co Premio Max de las Artes Escénicas 2003 na categoría de Teatro Alternativo, serviu como plataforma para o desenvolvemento de diferentes proxectos de formación e difusión, entre eles a edición da revista Bululú, da que se chegaron a editar 7 números, sendo unha das poucas publicacións especializadas en teatro de monicreques. Actualmente, Títeres Cachirulo alterna as súas representacións de monicreques coa participación en numerosas programacións e festivais internacionais de Europa e América, obtendo importantes premios.

  • Sinopsis do espectaculo:

    "As Xeneralas da Ulla" é un espectáculo de rúa baseado nunha das manifestacións máis ricas do entroido galego: "Os xenerais da Ulla". Inspirándonos no que sucede en distintas parroquias e concellos de ambas as dúas ribeiras do río Ulla durante o entroido, dúas correos e dúas xeneralas, todas a cabalo e engalanadas con vistosos traxes típicos, percorren as rúas dando vivas ás xentes do lugar, propiciando e motivando o ambiente distendido e festivo, facendo paradas, nas que se intercalan cancións populares, ás veces adaptadas para a ocasión, ademais dos seus famosos atranques (combates verbais). A bandeira que locen correos e xeneralas na súa vestimenta son a da paz, a ecoloxía, a muller e as artes, polo que a liorta dos versos dos seus atranques defende e transmite estes valores. Personaxes e cabalos son marionetas talladas en madeira e articuladas sobre uns carros que permiten a visibilidade dos espectadores, xa que alcanzan os 2,20 metros de altura. Na parada final, mentres contamos un relato sobre o entroido, despregamos uns decorados entre as estruturas dos carros que representan ruadas e paisaxes rurais como os que podemos atopar en calquera pobo ou aldea galegos. Entre as cancións acompañadas de pandeiretas e gaita, unha mestra de cerimonias vai presentando unhas divertidas marionetas rigorosamente ataviadas coas vestimentas dos diferentes personaxes do entroido, que van aparecendo na escena apuntando algunhas das curiosidades e características que fan únicas a cada unha das maneiras de vivir o entroido. Así imos construíndo un mapa no que facemos un percorrido polos entroidos máis significativos, pasando por 21 concellos das catro provincias galegas. Entre os distintos personaxes, atoparemos Choqueiros (A Coruña), Volantes (Chantada), Oso de Salcedo (Pobra de Brollón), Mázcaras (Manzaneda), Boteiros (Viana do Bolo), Vellaróns (Castrelo de Cima, Riós), Cigarrón (Verín), Peliqueiros (Laza), Vergalleiros (Sarreaus), Pantallas (Xinzo de Limia), Felos (Maceda), Pita (Eiroás), Troteiros (Bande), Bonitas (Sande), Merdeiros (Vigo), Madamas e Galáns (Cobres), Ravachol (Pontevedra)... E moitos máis, xa que nestas escenas participan ao redor de 70 monicreques. Queremos contribuír dunha maneira divertida a manter viva e enxalzar esta tradición tan valiosa da nosa terra e pensamos que achegar o noso espectáculo noutras épocas do ano, nas que as localidades non se atopen inmersas na celebración do seu propio entroido, fará que poidan coñecer un pouco mellor as manifestacións culturais que se levan a cabo noutras aldeas e vilas.

  • Caché con IVE : 1800.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 1800.0 €

  • Técnica