#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

FANTOCHES BAJ: CASTELAO, UN CORAZÓN Á INTEMPERIE

  • Categoría: +TEATRO

  • Dirixido a: FAMILIAR

  • Duración do espectaculo: 50min

  • Persoa representante : URDIME, S. COOP. GALEGA

  • Datos de contacto : 619 920 335 - comunicacion@urdime.net

  • Páxina web do grupo : https://urdime.gal/familiar/Fantoches%20Baj/

  • Sinopsis da compañia :

    Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Entre os máis recentes Os Golfiños e o xigante, traballo polo que obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, Novos Lobos, Pedro e o Lobo e Castelao, un corazón á intemperie.

  • Sinopsis do espectaculo:

    Castelao, un corazón á intemperie é a nova produción de Fantoches Baj para público infantil e familiar, unha proposta de narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras que busca dar a coñecer a Castelao entre os nenas e os nenos, reler e interpretar parte da súa obra e poñer en valor o galego. Após a morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, nun tempo no que en Galicia non era posible chorar a súa perda, o dramaturgo e director de escena Daniel Varela Buxán decide render, nun acto privado diante da súa veciñanza, a súa particular homenaxe ao rianxeiro. Varela Buxán fora o encargado de dirixir “Os vellos non deben de namorarse” na súa estrea absoluta en 1941 en Bos Aires e, a partires de aí, mantivo unha fonda amizade con Castelao. Por iso, para homenaxealo, Varela Buxán colocarase nun pequeno escenario onde trazará brevemente a peripecia vital de Castelao deténdose naqueles momentos literarios e artísticos que considera máis significativos. Entre outros, representará con marionetas parte da súa obra: contos de ‘Cousas’ (“Panchito” e a “Marquesiña”); narracións de ‘Retrincos’ (“Sabela” e “O inglés”), escenas de “Os vellos non deben namorarse” e o o monólogo do esqueleto en “Un ollo de vidro”. Con esta peza os nenos, as nenas e as súas familias terán unha experiencia de ocio positiva en galego que contribuirá á normalización e difusión da lingua nas idades máis novas e no contexto familiar e cultural. Ademais, darase a coñecer a figura de Castelao como político, intelectual, escritor e figura clave na promoción e normalización do galego debido ao seu profundo compromiso coa identidade cultural de Galicia e a súa convicción de que a lingua era un piar fundamental desa identidade. Na peza queda en evidencia que Castelao defendeu o uso do galego en todos os ámbitos, considerando que só a través da normalización lingüística sería posible a conservación e o desenvolvemento da cultura galega. Un espello no que as familias e os nenos e as nenas poden verse reflectidos e que pode contribuír a ser motor de cambio: tanto para manter o uso da lingua nas persoas galegofalantes como a curiosidade e vontade de incorporalo nas futuras neofalantes. Por último, con esta nova produción de Fantoches Baj que conmemora o 75 aniversario da morte de Castelao, tanto as máis pequenas como as súas familias poderán acceder dun xeito ameno e divertido á obra do autor así como a episodios da súa vida en Galicia e no exilio. Unha proposta que desde a memoria e a interpretación ofrece un espazo para homenaxear a un dos ilustres de Galicia e reivindicar o galego como lingua propia para pensar, para escribir e para relacionarnos co mundo que nos rodea.

  • Caché con IVE : 800.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 1450.0 €

  • Técnica