#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

TEATRO DO NOROESTE: FEIRANTES

  • Categoría: +TEATRO

  • Dirixido a: FAMILIAR

  • Duración do espectaculo: 60 MINUTOS

  • Persoa representante : TEATRO DO NOROESTE, S.L.

  • Datos de contacto : 633 909 484 - distribucion@teatrodonoroeste.com

  • Páxina web do grupo : https://www.teatrodonoroeste.com/feirantes

  • Sinopsis da compañia :

    Teatro do Noroeste é unha compañía creada por Luma Gómez e Eduardo Alonso, profesionais cunha dilatada experiencia teatral, que comezou a súa actividade no ano 1987. En todos estes anos produciu montaxes de textos clásicos como Medea, de Eurípides, Rei Lear, Macbeth, Noite de Reis e Romeu e Xulieta, de William Shakespeare; e de autores contemporáneos, básicamente galegos, como Unha Rosa é unha Rosa, de Suso de Toro, A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, Campo Sur, de Lino Braxe ou o musical Glass City (Cidade de Cristal) de Eduardo Alonso e tamén textos como Confesión ou Linda and Freddy, ilusionistas, de Eduardo Alonso. Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, de Eduardo Alonso ou Touporroutou da Lúa e do Sol, de Roberto Vidal Bolaño. Unha das súas produccións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de EduardoAlonso, que recibiría os Premios Casares ao Mellor Texto, Mellor Escenografía, Mellor Vestiario, Mellor Música e Mellor Iluminación. E as súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último Cowboy recibirían o Premio Max ao Mellor Espectáculo en Galego nos anos 2008 e 2011 respectivamente.

  • Sinopsis do espectaculo:

    “FEIRANTES” é un espectáculo teatral baseado nas narracións de Álvaro Cunqueiro recollidas no seu libro “OS OUTROS FEIRANTES”. Como se sabe, nestas narracións aparecen reflectidas as andainas de diversas e curiosas personaxes: aquel que falaba co seu cabalo; o outro ó que lle falaban as cousas: as cadeiras, as zocas, a culler, o seu propio estómago; aquela voadora de Serantes que voaba sentada nunha banqueta; aquel Tristán García que morreu de tristura porque non atopou a súa Isolda; aquel Novagildo Andión que contaba historias de crimes e inventou unha do afondamento do Titanic; ou aquel que tiña un ollo de cristal, que como o oculista non tiña outro deulle un de segunda man cor violeta, que fora un encargo dunha viúva que morreu antes de disfrutalo, e tódalas mozas querían ter fillos con el para ver se herdaban esa fermosa cor de ollos; ou aquela Anxeliña de Prado que naceu anana, pero cunha habilidade, bordar panos con lendas para os velorios: “¡Adeus, padriños queridos!”, “¡Agárdovos a todos no ceo!”, “¡Deica volta, compañeiros!”, e cousas así. Todas estas tenras, máxicas e líricas personaxes aparecen reflectidas en “Feirantes” a través dun fío conductor, dun nexo común que as interrelaciona, e este nexo non podía ser outro, na vida dunhas personaxes tan fondamente galegas, que unha vaca, o animal totémico da cultura rural galega. Unha vaca, pois, pasa de man en man, de dono en dono, de feira en feira, e acompañándoa no seu recorrido vital tomamos coñecemento das andainas destas personaxes tan próximas á realidade máxica que caracteriza á cultura galega. Pero os días están contados para estas personaxes, para este fermoso animal. Ós poucos, todo o que significan vaise derrubando. As súas vidas perden o sentido que alentou nelas e, desorientados, atopan caladamente a súa fin. E no último intre pregúntanse a si mesmas cal foi o motivo, cal foi a razón que as levou a esa situación sen saída onde se atopan: ¿Quizais o seu xeito de ser? ¿Será que a súa innata mansedume, o seu natural conforme levounas paseniño ata a súa fin? Un espectáculo sinxelo, feito desde o sorriso, desde a delicadeza, desde o amor, que procura buscar a relacióndirecta, limpa, sen trampas, co espectador de hoxe e con tódolos públicos, e que inicia unha nova liña de traballo para Teatro do Noroeste, na adaptación de textos narrativos ó teatro, eses textos que expresan a esencia da nosa cultura. Un espectáculo homenaxe á vaca e ás estrañas e curiosas personaxes que aínda habitan moitos pobos de Galicia e tamén, porque non dicilo, un espectáculo homenaxe a Álvaro Cunqueiro.

  • Caché con IVE : 2100.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 2500.0 €

  • Técnica