#CULTURA

+ESCÉNICAS

Circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego

Catálogo de Espectaculos

MIGALLAS TEATRO: "Elas pintan moito"

  • Categoría: +TEATRO

  • Dirixido a: Infantil e familiar

  • Duración do espectaculo: 60 minutos

  • Persoa representante : MIGALLAS TEATRO, S.L.

  • Datos de contacto : 618 813 071 - migallas@migallas.gal

  • Páxina web do grupo : https://migallas.gal/elas-pintan-moito/

  • Sinopsis da compañia :

    Migallas Teatro realizou desde a súa fundación no ano 1992 máis de 1700 representacións de máis dunha trintena de espectáculos diferentes creados pola propia compañía. Alén disto, coordinou a creación de máis de medio cento de montaxes teatrais con rapaces e rapazas de entre 7 e 18 anos. Gravou os discos “Pan de millo” , “¡Canta connosco!”, “Zaragallada”, e editou o libro “Un avó especial”. Ademais da montaxe de espectáculos teatrais e de contacontos leva a cabo talleres de expresión dramática, plástica e musical a través de concellos, asociacións e colexios de diversos municipios como Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Tomiño etc. Na cidade de Pontevedra coordinou desde o ano 1998 ata o ano 2020 os obradoiros de expresión dramática, plástica e musical “Á procura do tesouro” que organizaba cada ano o Concello de Pontevedra e polo que pasaron máis de 3000 rapaces e rapazas de entre 4 e 18 anos. Na actualidade, desenvolve nesta mesma cidade 4 obradoiros denominados ARTEXOGA, que teñen como finalidade crear un espazo de socialización en galego para os 80 nenos e nenas participantes. Por outra banda, nos anos 2002 e 2003 creou e puxo en escena o espectáculo da Cerimonia de Apertura da Feira Franca de Pontevedra e no ano 2004, o espectáculo ao aire libre Os Irmandiños no que participaron 40 persoas. Tamén realiza visitas culturais teatralizadas no Museo de Pontevedra e polo Centro Histórico de Pontevedra coa creación de varios espectáculos: “A Boa Vila dende o Camiño Xacobeo” e “Paseo máxico pola Boa Vila”. Coordina desde 2008 a páxina Orella pendella http://orellapendella.gal/ e no ano 2021 realizou 25 programas da serie audiovisual Brincadeiras da lingua, para fomentar a práctica da lingua mediante os ditos infantís tradicionais. Para máis información, consultar: https://migallas.gal/

  • Sinopsis do espectaculo:

    “Elas pintan moito” é unha sesión de contos baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron. A través das artistas Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Kahlo e Yayoi Kusama, abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotián ata o da creación artística. Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba. Invítase a reflexionar sobre o machismo da sociedade doutros tempos, a identificalo e a criticar a súa vixencia na sociedade actual. Na historia de Xulia Minguillón, amósase que nas parellas, os dous membros teñen os mesmos dereitos e que as decisións hai que tomalas xuntos, sen imposicións dunha persoa sobre a outra. Con Sonia Delaunay, trabállase a igualdade de deberes entre homes e mulleres á hora de coidar e atender as fillas e fillos e de realizar as tarefas domésticas así como o dereito a conciliar a vida familiar coa laboral. Con Yayoi Kusama reflexionamos sobre a igualdade de oportunidades para homes e mulleres á hora de acadar o éxito e o recoñecemento na sociedade. Por último, con Frida Khalo valoramos a importancia de ser unha mesma ou un mesmo sen facer caso dos prexuízos sociais machistas que limitan o noso desenvolvemento persoal. Tamén se anima a desenvolver as capacidades creativas das nenas e nenos sen ningún tipo de traba e de ideas preconcibidas.

  • Caché con IVE : 600.0 €

  • Caché + produción técnica con IVE : 748.0 €

  • Técnica