AXENDA 2030

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Axenda 2030 debe verse como unha grande oportunidade para os territorios aos que implica ao orientar o conxunto das políticas públicas cara a retos de futuro compartidos coma o cambio de modelo produtivo, a transición ecolóxica da economía, a aposta por un crecemento económico que non deixe ninguén atrás, unha sociedade máis xusta e igualitaria e a garantía dos dereitos humanos e os servizos sociais.


Esta axenda común das Nacións Unidas articúlase ao redor de 17 grandes obxectivos, dos que emanan un total de 169 metas cuxo fin último é a erradicación da pobreza e a fame no mundo, a mellora dos niveis de benestar da cidadanía, a igualdade de xénero, a protección do medio ambiente, a educación inclusiva e de calidade, unha xestión sostible da auga, traballo decente para toda a cidadanía e promover decididamente a innovación.

A Deputación de Pontevedra leva meses traballando na implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible na provincia co triplo reto de:

  • Involucrar os concellos e os axentes sociais no cumprimento dos ODS
  • Promover o liderado local para o cumprimento da Axenda 2030
  • Reducir as desigualdades

A institución provincial emprega un enfoque local para ser global, abordando as problemáticas máis próximas identificadas polos ODS e aplicando medidas e programas concretos que contribúen a afrontar os grandes desafíos do planeta de forma conxunta co resto de actores implicados nesta gran transformación económica e social.