#AXENDA2030
Obxectivo 14
Conservar e utilizar sostiblemente os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible
O mar é fonte de vida. Ademais de fornecernos alimentos, os océanos, que cobren tres cuartas partes do planeta, son peza clave na engrenaxe de sistemas que fan da terra un lugar habitable. Do seu estado e regulación dependen as precipitacións e o clima, e, polo tanto, a auga potable, as costas e o aire que respiramos.
A contaminación dos océanos supón unha ameaza para o funcionamento dos ecosistemas e da biodiversidade. Igualmente, a sobreexplotación dos recursos mariños pode provocar a desaparición de numerosas especies. É imprescindible tomar medidas para recuperar ecosistemas mariños e reducir o impacto da acidificación dos océanos, así como lograr unha explotación pesqueira sostible.
A investigación científica e a innovación son un sólido aliado na loita por reducir a contaminación mariña e contribuír a unha maior protección dos nosos mares.