#IGUALDADE

AQUÍ FALTAN PÁXINAS

A segunda colección

Nesta segunda colección continuamos escribindo as páxinas que lles faltan aos libros. Quedan aínda por contar tantas historias de mulleres extraordinarias das que ninguén nos falou... Chegamos ata aquí practicamente orfas de referentes; iso explica moitas das cousas que vivimos durante séculos, e aínda hoxe, explica a síndrome da impostora, explica a falta de vocacións científicas e técnicas, explica o papel secundario e asistencial que asumimos... Rara vez visibles ou protagonistas, rara vez á fronte tomando decisións importantes, e, cando acontece, é sempre baixo o risco de ser sinaladas: “demasiado ambiciosa”, “desapiadada”, “cruel”, “harpía”... e tantos outros nomes e adxectivos que cómpre resignificar para que en vez de danarnos nos fortalezan e nos apoderen.

 


Por iso é tan importante coñecer historias de mulleres, construír referentes, mirarnos nos espellos das que pasaron polo mesmo antes ca nós. Nesta segunda colección descubrimos na nosa provincia novas pioneiras, mulleres valentes e arriscadas, curiosas e inconformistas, que se aventuraron no eido das artes, coma Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal; na escrita, coma Avelina Valladares; na música, coma María Pardo Trapote; na loita antifascista, coma María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos; tamén na ciencia, coma Inmaculada Paz Andrade; ou na conquista de territorios, coma a raíña Urraca I, alcumada A Temeraria, por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes.

Poñemos tamén o foco na importancia dos colectivos, no mérito das anónimas, na sororidade como activadores da vitoria social, nas historias onde o trunfo chega grazas á unión entre mulleres, como foi o caso das protestas das leiteiras de Pontevedra ou a solidariedade das madriñas de San Simón.

E, por primeira vez, temos como protagonista dun dos capítulos unha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, a quen queremos louvarlle os méritos agora, cando aínda pode gozar da nosa homenaxe e sentirse orgullosa do legado que deixa.

Porque xa é tempo de reclamar o lugar que nos corresponde e enorgullecérmonos das conquistas das nosas antecesoras. Porque só recuperando esta xenealoxía de grandes mulleres teremos unha visión real do noso pasado e un camiño claro cara ao futuro.

MULLERES


Ligazóns de interese

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.