AS MADRIÑAS DE REDONDELA
A esperanza dos presos de San Simón
Entre 1936 e 1943, calcúlase que preto de seis mil homes estiveron presos na illa de San Simón, situada na enseada da ría de Vigo, e convertida en presidio e campo de concentración durante a guerra civil e os primeiros anos da ditadura franquista. Ao longo deste período, estímase que uns setecentos homes morreron alí de enfermidade e malnutrición a causa das terribles condicións de amoreamento, da falta de hixiene e de alimentos, e dos traballos forzados aos que estaban sometidos. Na contorna creouse unha rede de cooperación, grazas ás mulleres xenerosas e valentes que, mesmo sen teren vinculación ningunha cos presos, se ofreceron a lavarlles a roupa e a levarlles comida, mantas, menciñas, e moitas veces cartas de familiares agochadas entre a roupa.
Ler máis
podcast
AS FAMILIAS DAS MADRIÑAS DE REDONDELA
Eufemia Rodríguez
Eufemia Rodríguez é filla de Vicenta Fernández, siña Vicenta a Bichiña, que foi madriña dun preso de Valladolid ao que lle lavaba a roupa ás escondidas no río para non ser descuberta pola Garda Civil. Un día seguírona e tiráronlle co balde cheo de prendas en xabón polo río abaixo. Despois tivo que levarlle ao preso roupa dun tío que lle morrera. Contaba que aquela roupa viña chea de sangue e piollos, e había que deixala abrandar bastante. Ademais da roupa limpa, nos paquetes metían o que podían: comida, cartas dos familiares... Vicenta, que era viúva, traballaba na fábrica de Regojo facendo uniformes para a guerra, e a duras penas lle alcanzaba para manter a súa familia, pero ela e outras madriñas que traballaban con ela na fábrica metíanlles bocadillos porque llo pedía dona Rita, a muller do propietario de Regojo, que despois recompensaba estas mulleres enviándolles a casa paquetes con comida. Cando rematou a guerra, Regojo pechou porque non facían falta máis uniformes para as tropas e Vicenta tivo que marchar vender peixe polas aldeas da montaña. Nos camiños viu a diario homes mortos nas cunetas e aínda conseguiu axudar a algún malferido. Despois da guerra, cando Regojo reabriu como camisería, Vicenta volveu traballar alí. Tiña acollida na súa casa á irmá dun preso, que veu vivir a Redondela para estar máis preto del. Vicenta sacáballe camisas para que ela cosese e gañase uns cartos para poder manterse alí, preto do irmán.
Esperanza Míguez
Esperanza Míguez é filla de Josefa Campos Soto, siña Josefa a Toleima, que lle lavou a roupa a Paulino Palomo Carpintero, un mozo andaluz preso en San Simón. Josefa axudábao como podía e vivía co medo no corpo, pensando se o atoparía vivo ao día seguinte cando regresase á illa a levarlle a roupa limpa. Paulino pagáballe os desvelos tallando fermosas pezas en madeira e outros materiais, e mostrando as habilidades das que xa daba conta o seu apelido herdado dunha familia de carpinteiros. A familia aínda conserva dúas gaivotas feitas cos cornos dunha vaca e con madeira procedente do centenario paseo dos buxos de San Simón. Paulino quixo casar con Josefa, pero ela non aceptou. Anos máis tarde, a muller viu pasar por Redondela un camión de transportes rotulado co nome de Paulino Palomo e imaxinou que o seguramente o home casara con algunha rapaza da zona e que asentara coa súa familia en Galicia, pero xa nunca máis conseguiu saber del.
Manuel López
Manuel López é neto e sobriño neto de lavandeiras. É un dos membros do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e desenterrou a súa historia familiar cando comezou a investigación encargada polo Concello de Redondela. O que descubriu Manuel é que a súa avoa, Agustina Alonso Cabaleiro, siña Agustina a da Cavada, e a irmá dela, Encarnación Alonso Cabaleiro, siña Xon a da Cavada, lavaban roupa para os presos. A avoa de Manuel quedara viúva no 35, con seis fillos ao seu cargo. A tía Xon era a que se encargaba de entregar a roupa lavada, pero era xorda, e como había que cruzar a estrada e a vía do tren para chegar onda o barqueiro, Agustina mandaba con ela á súa filla, a nai de Manuel, Dolores Martínez Alonso, que era aínda unha nena.
Martina Rodríguez
Martina Rodríguez é nora de Peregrina López Ochoa, siña Gina a Toupa, que foi madriña de dous presos, Paulino e José Luis, un mozo de Bilbao co que seguiu mantendo o contacto moito tempo despois. Asegura Martina que a súa sogra era unha muller moi adiantada aos seus tempos porque escribía moi ben e carteábase con este preso. Contoulle que cando lavaba a roupa tiña que sacar os piollos cunha espumadeira. Peregrina esforzábase todo o que podía por darlles a estes homes o pouco que estaba na súa man: roupa limpa e algo de comida cando llo permitían. Dunha vez tivo a rolla dunha botella de aceite metida en vinagre toda a noite e, ao día seguinte, cando o garda da illa lle dixo que non se podía pasar aceite, deulle a cheirar a rolla asegurándolle que aquilo era vinagre. Peregrina sufriu represalias. Pola rúa, os falanxistas insultábana cando pasaba e levantábanlle a saia para burlarse. Ela nunca desistiu, seguiu axudando e, cando por fin o liberaron, mantivo o contacto con el e coa familia. O fillo de José Luis veu a Redondela hai uns anos para coñecer a quen tanto axudara ao seu pai. Peregrina é a madriña da foto coa que se ilustra este episodio.
José Antonio Martínez
José Antonio Martínez, presidente do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, só descubriu que a súa avoa, Carmen Fernández González, coñecida como Mucha de Amaro, fora madriña cando comezou a investigar sobre o tema a petición do Concello de Redondela. En moitas casas evitábase falar deste episodio, pero un día á avoa Mucha déuselle por contar historias sobre os pretendentes que tivera de nova e saíu o nome dun preso ao que ela axudara e que chegou a propoñerlle matrimonio, aínda que ela non aceptou. Ao sabelo, moitas outras lembranzas da infancia de José Antonio cobraron sentido, como a cantiga do Upo-Mendi que escoitaba de pequeno na casa dos avós e que agora, tras coñecer as historias contadas polas madriñas que axudaban a estes homes amoreados no barco, alcanza outro significado e transcendencia.
FALADOIRO AQUÍ FALTAN PÁXINAS
As Madriñas de Redondela “A esperanza dos presos de San Simón”
Xoves 1 de agosto ás 17 h, saída do barco ás 16 h desde o porto de Cesantes e regreso ás 20:30 h
Illa de San Simón