#8M

Programación 8M

2024

Desde a Deputación deseñamos unha ampla programación para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

O Goberno provincial aposta firmemente pola igualdade, e por iso este “8M seguimos con todas e para todas”.


Queremos alzar a voz e unirnos ás reivindicacións que desde organismos internacionais, coma a propia ONU, propoñen para que, ao unísono, pronunciemos e deixemos claro o noso compromiso coa equidade de xénero e co benestar das mulleres en todos os ámbitos da vida, e facémolo, como non podía ser doutro xeito, porque así o indica o noso lema, “Tendemos pontes”.

Tendemos pontes cara á igualdade, como obxectivo prioritario non só neste 8M, senón nos 365 días do ano e en todas as áreas do Goberno.

Tendemos pontes cos organismos públicos e co tecido asociativo provincial, que traballan para conseguir que o mundo no que vivimos sexa máis igualitario, con xuntanzas, con programas específicos, con axudas económicas...

E tendemos pontes coas mulleres das distintas esferas da nosa sociedade, da cultura, da política, da economía, da ciencia, do deporte, da empresa, do sector primario, da educación…

Todas elas serán protagonistas da programación que deseñamos ao abeiro do 8M, unha programación que non vai quedar limitada a un só día.

PROGRAMACIÓN

Do 8 ao 11 de marzo iluminaranse as sedes de Vigo e de Pontevedra da institución provincial e colocaranse lonas e paneis coa imaxe deseñada pola artista Abi Castillo.

Acto central do 8 de marzo, ás 11 h, no Pazo provincial:

  • Lectura do manifesto a cargo de Susana Pérez Iglesias, presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia
  • Actuación en acústico de Fillas de Cassandra

O compromiso da Deputación de Pontevedra coa igualdade vai moito máis alá do 8 de marzo, por iso queremos implicar a todas as mulleres de todos os ámbitos:

  • Tendemos pontes coas mulleres da cultura
    • Xoves 29/02/2024, de 16.00h á 19.30 h: seminario Museos, Feminismos, Canon. Outras Historias da Arte, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
    • Luns 04/03/2024, ás 20.00 h: exposición “Pontevedra e América” e faladoiro nos que intervirán M.ª Xosé Rodríguez Galdo e M.ª Xosé Porteiro na praza de Galicia e na sala de prensa do concello de Lalín.
    • Martes 05/03/2024, ás 19.00 h: presentación do mural da artista Pilar Alonso no Centro Agarimo de Príncipe Felipe de Pontevedra.
    • Xoves 07/03/2024: faladoiro Aquí Faltan Páxinas no que as protagonistas serán As Leiteiras de Pontevedra, e Xiana Iglesias será a encargada de falar sobre a súa historia de unión no salón de plenos do Pazo provincial.
    • Venres 08/03/2024, ás 19.00 h: concerto do cuarteto Vagalume no ciclo O Son do Piano no Museo de Pontevedra.
    • Venres 15/03/2024 e sábado 16/03/2024: encontro de columnistas As Mulleres que Opinan Son Perigosas no Teatro Principal de Pontevedra.
    • Xoves 21/03/2024, ás 19.00 h: faladoiro Aquí Faltan Páxinas, protagonizado por Inmaculada Paz Andrade, sobre a que falará Xoana Pintos Barral. Pontevedra.
  • Tendemos pontes coas mulleres do mar
    • Martes 05/03/2024, ás 11.00 h: inauguración da exposición e do obradoiro centrado nas achegas das mulleres á sustentabilidade do mar que terá lugar o no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño.
    • Mostra fotográfica organizada pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca ANMUPESCA, que acollerá o vestíbulo do Pazo provincial.
    • Xornada OPP no sector pesqueiro, destinada ás mulleres do mar, sobre as organizacións de produtores pesqueiros e sobre os principios e fundamentos para o seu desenvolvemento e implantación no novo marco europeo, no salón de plenos do Pazo provincial.
  • Tendemos pontes coas mulleres da educación
    • Xoves 07/03/2024: obradoiro de sensibilización en igualdade na Escola de Enfermería, a cargo da politóloga Priscila Retamozo.
    • Concurso escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?, dirixido ao alumnado de primaria, educación especial e secundaria da nosa provincia, co obxectivo de que reflexionen sobre a igualdade
    • Obradoiro de sensibilización en igualdade no Centro Penitenciario da Lama.
  • Tendemos pontes coas mulleres da ciencia e da investigación
    • Xoves 14/03/2024, 21/03/2024, 04/04/2024 e 11/04/2024: Ciencia en Feminino, videopódcast con dúas charlas coloquio e dúas mesas redondas con mulleres expertas que afondarán sobre os teitos de cristal, o emprendemento, a investigación no exterior ou as vocacións femininas.
  • Tendemos pontes coas mulleres da política
    • Presentación dos puntos violetas e da campaña contra as agresións sexuais.