IGUALDADE

CONCURSO ESCOLAR 8M 2025

E Ti, que Pensas da Igualdade?

O Concurso Escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?, promovido pola Deputación de Pontevedra dentro da programación prevista con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres, ten como obxectivo fomentar a creatividade e o pensamento crítico do alumnado da provincia, ademais de analizar a súa percepción da situación das mulleres e dos homes na nosa sociedade.


Trátase de favorecer un espazo que, ademais de promover a reflexión, sirva de altofalante para a nosa mocidade e de canle de visibilización do seu talento creativo desde diferentes disciplinas, coma a poesía, o debuxo, a música e o audiovisual, arredor dun tema crucial para a nosa sociedade: a igualdade de oportunidades real e efectiva de mulleres e homes.

Búscase afondar nos novos retos aos que nos enfrontamos mediante diferentes propostas de participación, nas que a mocidade deberá contar a súa opinión e o seu sentir, e propoñerá desde a súa mirada posibles solucións aos novos desafíos presentes no día a día.

Tras a boa acollida desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, acaba de poñer en marcha a segunda edición do concurso E Ti, que Pensas da Igualdade?, dirixido ás nenas, nenos, mozas e mozos da provincia de Pontevedra, coa intención de que poidan amosarlle ao mundo, mediante diversas disciplinas artísticas, cal é a súa visión sobre a igualdade de oportunidades de mulleres e homes na nosa provincia.

BASES

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto establecer as condicións de participación e a convocatoria da II edición do Concurso Escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?, que ten como fin visibilizar a percepción do alumnado da provincia acerca da igualdade de oportunidades de mulleres e homes.

Segunda. Persoas destinatarias

A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación primaria, educación especial esecundaria (ESO, bacharelato e FP básica ou de grao medio) dos centros de ensino da provincia de Pontevedra, que poderá participar de xeito individual ou grupal elaborando as súas creatividades nas diferentes disciplinas segundo a categoría.

Terceira. Categorías e disciplinas

  • Primaria
    • A: 1.º e 2.º curso
    • Individual: debuxo ou colaxe.
    • Grupal: conto.
    • B: 3.º e 4.º curso
    • Individual: debuxo ou colaxe.
    • Grupal: conto.
    • C: 5.º e 6.º curso
    • Individual: banda deseñada ou viñeta.
    • Grupal: videopoesía.
  • Educación especial
    • Individual: debuxo ou colaxe.
    • Grupal: conto.
  • Secundaria
    • A: ESO
    • Individual: banda deseñada ou viñeta.
    • Grupal: canción.
    • B: Bacharelato e FP básica ou de grao medio
    • Individual: banda deseñada ou viñeta.
    • Grupal: podcast.

Cuarta. Participación

As persoas interesadas poderán concorrer ao concurso tanto a título individual  coma grupal, segundo o establecido na base terceira.
Nas categorías individuais, cada concursante poderá presentar unha única proposta.

A respecto da presentación das obras, será unha persoa responsable do centro educativo, unha persoa docente ou da Dirección do centro a encargada de realizala. Nas categorías individuais identificaranse co nome da persoa participante, co curso e co nome do centro; mentres que, nas grupais, co nome da titora ou titor e cos datos identificativos do centro.

Xunto coa obra, a persoa autora deberá achegar un pequeno escrito de unhas liñas nas que describa que a levou a realizar esa peza e que significa para ela.

Aqueles traballos que non estean claramente identificados poderán ser descualificados.

As creacións deberán ser orixinais e inéditas.

A participación neste concurso supón a autorización das persoas participantes para que esta institución difunda, reproduza ou publique os proxectos premiados no acto de entrega correspondente, así como nas informacións xurdidas desta entrega, coas limitacións derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia. A Deputación de Pontevedra non difundirá externamente os vídeos recibidos, salvo petición previa e autorización expresa.

Quinta. Presentación das pezas

As obras enviaranse en formato PDF, JPG ou mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.igualdade@depo.gal.

Sexta. Prazo para presentar as pezas

Os traballos poderán presentarse desde o 7 de marzo ao 10 de abril de 2025, ambos incluídos.

Sétima. Premios

Atendendo a cada unha das categorías e modalidades, os premios serán:

  • Primaria
    • Para cada categoría:
    • 1.º premio
    • Grupal: unha actuación musical.
    • Individual: unha tableta.
    • 2.º premio
    • Grupal: unha sesión de contacontos.
    • Individual: unha cámara de fotos Polaroid.
    • 3.º premio
    • Grupal: un lote de material didáctico.
    • Individual: un agasallo didáctico.
  • Educación especial
    • Para cada categoría:
    • 1.º premio
    • Grupal: unha actuación musical.
    • Individual: unha tableta.
    • 2.º premio
    • Grupal: unha sesión de contacontos.
    • Individual: unha cámara de fotos Polaroid.
    • 3.º premio
    • Grupal: un lote de material didáctico.
    • Individual: un agasallo didáctico.
  • ESO
    • Para cada categoría:
    • 1.º premio
    • Grupal: unha actuación musical.
    • Individual: un ordenador portátil.
    • 2.º premio
    • Grupal: un obradoiro de banda deseñada ou videocreación.
    • Individual: unha tableta.
    • 3.º premio
    • Grupal: un obradoiro de banda deseñada ou videocreación.
    • Individual: un agasallo didáctico.
  • Bacharelato e FP básica ou de grao medio
    • Para cada categoría:
    • 1.º premio
    • Grupal: unha actuación musical.
    • Individual: un ordenador portátil.                       
    • 2.º premio
    • Grupal: un encontro cunha xornalista galega.
    • Individual: unha tableta.
    • 3.º premio
    • Grupal: un obradoiro de banda deseñada.
    • Individual: un agasallo didáctico.

Oitava. Xurado

A selección e a concesión dos premios obxecto deste concurso realizaranse por un xurado nomeado para o efecto, que estará integrado por persoas representantes da institución provincial, profesionais do ámbito educativo, cultural, da comunicación e con formación en igualdade.

Cada obra deberá basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia exercida sobre as mulleres e no reto de acadar unha igualdade de oportunidades real e efectiva entre mulleres e homes.

Valoraranse a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias.

Neste concurso preténdese que as e os participantes falen en primeira persoa; a arte será o altofalante dos seus pensamentos, demandas e denuncias. As pezas deberán dar respostas a cuestións como as seguintes: que é para ti a igualdade?, xa conseguimos a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes?, que cambiarías?, como imaxinas unha sociedade libre de machismo?

O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningún dos traballos presentados reúne os requisitos suficientes para ser premiado.

Novena. Acto de entrega dos premios

Estes premios entregaranse nun acto público, convocado para tal fin, no que se poñerán en valor as pezas premiadas e o papel relevante levado a cabo polos centros educativos participantes na procura da igualdade de oportunidades de mulleres e homes e na loita contra a violencia machista.

Décima. Protección de datos

Os datos persoais obtidos nesta convocatoria serán tratados pola Deputación de Pontevedra, en calidade de órgano responsable, coa finalidade de xestionar este concurso.

A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo as normas do réxime local de aplicación.

Os datos persoais obtidos neste procedemento non serán obxecto de comunicación.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.