A Deputación entrega ao alumnado de Cangas do Morrazo o seu premio do concurso “E ti, que pensas da igualdade?”

A aula de 5º do CEIP San Roque de Darbo desfrutou dunha función teatral sobre mulleres pintoras como primeiro premio na categoría grupal do último ciclo de Primaria

10/06/2024

Sandra Bastos na entrega de presmios de Igualdade

A Deputación de Pontevedra entregou este luns no CEIP San Roque de Darbo, en Cangas do Morrazo, un dos premios do concurso escolar “E ti, que penas da igualdade?”, que consistiu no espectáculo teatral “Elas pintan moito” a cargo da compañía Migallas Teatro. A aula de 5º de Primaria deste centro resultou gañadora da categoría grupal na categoría de 5º e 6º de Primaria do concurso, convocado pola institución provincial para incentivar o pensamento crítico, sensibilizar a infancia e a mocidade na importancia de acadar a igualdade entre mulleres e homes e expresar o seu rexeitamento á violencia de xénero.

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu á entrega do premio felicitando o alumnado por ese primeiro premio e sinalando os perigos dun consumo non discriminado das redes sociais, “plataformas onde se están se divulgar infinidade de contidos machistas dirixidos expresamente aos nenos, nenas e adolescentes”. A deputada animounos a “que esteades alerta e vexades, leades e escoitedes cunha mirada crítica, tendo claro que por moito que aparezan cousas nas redes sociais, non todo o que din os influencers é verdade”. De feito, asegurou Sandra Bastos, “os influencers aos que de verdade debedes facer caso son os vosos mestres e mestras, quen velan pola vosa seguridade e benestar para que medredes cheos de valores positivos”. A deputada de Igualdade aproveitou para agradecer ao persoal docente o seu labor e a súa implicación a prol da igualdade e, concretamente, a súa participación nesta iniciativa da Deputación.

Como premio as rapazas e rapaces asistiron á función “Elas pintan moito”, de Migallas Teatro, unha sesión de contos e música en directo baseada na obra de pintoras como Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Kahlo e Yayoi Kusama. A obra aborda a igualdade en todos os ámbitos da vida, desde o cotián ata a creación artística, e nela déuselles a coñecer as principais obras das artistas e mais facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade.