A Deputación mantén aberto ata o vindeiro venres, 19 de abril, o prazo para participar no concurso escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?

O certame dirixido a educación primaria, especial e secundaria, inclúe categorías de debuxo/colaxe, conto, banda deseñada/viñeta, videopoesía, canción ou podcast, segundo o ciclo

11/04/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o vindeiro venres, 19 de abril, o prazo para participar no concurso escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?, posto en marcha por vez primeira este ano polo novo Goberno provincial. O certame nace para incentivar entre as rapazas, os rapaces e a mocidade o pensamento crítico, e sensibilizalos na importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e rexeitar a violencia de xénero, ao tempo que fomenta a súa creatividade e amosa a súa visión sobre estas cuestións.

A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación primaria, educación especial, secundaria (ESO, bacharelato e FP básica ou de grao medio) dos centros de ensino da provincia, que poderá participar elaborando as súas creatividades en diferentes disciplinas. Cada obra deberá basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e o reto de acadar a igualdade de oportunidades de mulleres e homes real e efectiva. Valorarase, ademais, a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias.

A participación será tanto a título grupal coma individual e, en canto ao formato dos traballos para presentar ao concurso, varían segundo o ciclo. Así, entre 1.º e 4.º de primaria e en educación especial as propostas individuais deberán ser debuxos ou colaxes e as grupais, contos, mentres que en 5.º e 6.º as individuais serán bandas deseñadas ou viñetas e as grupais, videopoesías. Por outra banda, tanto na ESO coma en bacharelato e FP básica ou de grao medio, de maneira individual poderán presentarse bandas deseñadas ou viñetas, mentres que, en grupo, os primeiros poderán participar con cancións e, os segundos, con podcasts.

As obras, que se poderán presentar ata o 19 de abril, deberán enviarse en formato PDF, JPG ou mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.igualdade@depo.gal. Unha persoa responsable do centro educativo será a encargada de enviar cada unha das obras, que deben ser orixinais e inéditas e, xunto con elas, a persoa autora deberá achegar unhas liñas que describan que a levou a realizar esa peza e que significa para ela.

En canto aos premios, haberá tres en cada unha das categorías. En primaria e educación especial o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e unha tableta para a persoa gañadora; o segundo, unha sesión de contacontos para o centro e unha cámara de fotos Polaroid para a persoa; e o terceiro, un lote de material didáctico para o centro e un agasallo didáctico para a ou o gañador. Na ESO, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo premio consistirá nun obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e unha tableta para a ou o gañador, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora.

Por último, en bacharelato e FP básica ou de grao medio, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo, un encontro cunha xornalista galega para o centro e unha tableta para a persoa gañadora; e o terceiro, un obradoiro de banda deseñada para o centro que gane e un agasallo didáctico para a ou o gañador.

Os traballos finalistas expoñeranse virtualmente na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) e recompilaranse nun soporte divulgativo que se distribuirá por todos os centros educativos da provincia de Pontevedra.

Ligazóns de interese