#IGUALDADE

Obradoiros de sensibilización para centros de secundaria, bacharelato e formación profesional

Ateneo Provincial pola Igualdade

Plan de formación en igualdade da Deputación de Pontevedra dirixido ao alumnado de educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e formación profesional


Obradoiros dirixidos a ESO:

Gamers e Influencers (100 minutos)

A socialización diferencial xera expectativas distintas para mulleres e homes. O denominado espellismo da igualdade provoca que as novas xeracións sexan cegas a algunhas das súas consecuencias e repitan padróns sexistas do pasado. Nesta formación queremos transmitir desde uns códigos achegados á súa realidade o pensamento crítico preciso para interrogarse sobre os guións sociais impostos.

A división na esfera das redes sociais utilízase como escusa nesta ocasión para cuestionar os roles de xénero, a masculinidade e a feminidade hexemónica e pensar xeitos de erosionar as mensaxes sexistas.

Obxectivos:

  • Aprender os conceptos básicos da igualdade de xénero.
  • Observar e reflexionar desde unha perspectiva feminista sobre o uso das redes sociais.
  • Avanzar na prevención da violencia de xénero, contrarrestando as formas, mensaxes e actitudes aprendidas de forma cotiá tamén a través de internet, que abren o camiño para as relacións de desigualdade e que fomentan actitudes violentas.
  • Animar a mocidade a explorar a súa responsabilidade nas violencias machistas e na reprodución de ideas sexistas.
  • Propoñerlles outros modelos de relación, referentes máis igualitarios e apoderar para que entendan as redes sociais como ferramentas para o cambio social.

Contidos:

  • Marco conceptual: sexo, xénero, orientación sexual, feminismo, patriarcado e micromachismos.
  • Feminidade e trastornos alimenticios.
  • Masculinidade, manosfera e masculinidades igualitarias.
  • Amor romántico.

Competencias:

  • Analizar de forma crítica.
  • Identificar discursos sexistas.
  • Construír relacións igualitarias.
  • Previr a violencia machista.
Hackeando o Machismo (100 minutos)

As redes sociais supuxeron un cambio na forma en que a mocidade se expresa, se comunica, se relaciona e interactúa, e outorgáronlle ao mundo virtual un amplo espazo nas súas vidas persoais. Neste obradoiro explicaremos os conceptos fundamentais da teoría feminista partindo desa realidade tan presente nas súas vidas. Ao mesmo tempo, procúrase interpelar o alumnado e animalo a ter unha conciencia crítica e aprender a ver como o machismo impregna, de xeitos sutís, as nosas vidas, ademais de fomentar nel posicionamentos críticos, proporcionarlle referentes novos e animalo a crear contidos que reflictan realidades máis plurais, diversas e igualitarias.

Obxectivos:

  • Comprender os fundamentos do pensamento feminista aplicado á vida cotiá.
  • Fomentar posicionamentos críticos e promover a creación de contidos inclusivos.
  • Analizar o sistema machista e deconstruír conceptos tradicionais de xénero.

Contidos:

  • Sexo e xénero.
  • Coidados e diversidade.
  • Feminidades e masculinidades.
  • Amor romántico e sexualidade sa.

Competencias:

  • Analizar de forma crítica e identificar discursos sexistas.
  • Construír relacións igualitarias.
A Caixa das Mensaxes (120 minutos)

A sexualidade é algo que temos todas as persoas desde que nacemos ata que morremos, acompáñanos ao longo de toda a nosa vida. Todas somos sexuadas e disto despréndense unhas vivencias e unha expresión do desexo que serán únicas e irrepetibles en cada persoa. Neste obradoiro reflexionaremos sobre que é a educación sexo-afectiva e responderemos as preguntas do alumnado, cun enfoque feminista que favoreza as relacións afectivo-sexuais sas e pracenteiras, que non perpetúen estereotipos machistas.

Obxectivos:

  • Fomentar relacións afectivo-sexuais saudables.
  • Previr a violencia sexual.
  • Propoñer modelos de relación igualitarios.
  • Apoderar no uso das redes sociais como ferramentas para o cambio social.

Contidos:

  • Marco conceptual: a sexualidade.
  • Roles de xénero, diversidade sexual, relacións de consentimento e desexo.
  • Desmontaxe de mitos sobre a sexualidade e boas prácticas en redes.

Competencias:

  • Analizar de forma crítica.
  • Construír relacións igualitarias.
  • Previr a violencia sexual.

Obradoiros dirixidos a bacharelato e formación profesional:

Erro 404 | Igualdade Not Found (100 minutos)

Dado que a socialización de xénero é un fenómeno que afecta a toda a cidadanía, os centros educativos son un espazo valioso para deterse a avaliar os logros, acertos e desacertos da sociedade na procura da igualdade. Nesta proposta achegamos un marco conceptual e normativo que aclare dúbidas sobre como podemos construír desde o bo trato e a igualdade de xénero. Empregaremos exemplos do que acontece no mundo mainstream como escusa para entrar na construción e mandatos de xénero. Os recursos escollidos neste obradoiro permiten interpelar o alumnado e discernir entre produtos mediáticos que enmarcan a mulleres e homes en comportamentos e actitudes machistas.

Obxectivos:

  • Adquirir un marco conceptual común sobre igualdade.
  • Analizar estereotipos e mandatos de feminidade e masculinidade.
  • Desenvolver actitudes e comportamentos non sexistas.
  • Promover relacións baseadas no bo trato e na igualdade.

Contidos:

  • Marco conceptual: sexo, xénero, estereotipos de xénero e patriarcado.
  • Feminidade e masculinidade hexemónica e deconstrución de modelos sexistas.

Competencias:

  • Analizar de forma crítica.
  • Identificar discursos sexistas.
  • Construír relacións igualitarias.
Trivial: Canto Sabes de Educación Sexual? (100 minutos)

A educación sexual é unha cuestión que lle preocupa especialmente á sociedade. A bibliografía coeducativa máis recente sinala que é no ámbito da sexualidade onde se reproducen máis drasticamente padróns tóxicos e perigosos relacionados co sexismo. Con esta dinámica tipo trivial achegamos dun xeito lúdico algunhas propostas para influír no seu autocoñecemento, na súa autoestima, nos seus vínculos e relacións sexuais desde o desexo mutuo e o consentimento activo.

Obxectivos:

  • Reflexionar sobre temas de educación sexual nun ambiente lúdico.
  • Fortalecer o pensamento crítico sobre as relacións afectivo-sexuais e os estereotipos sexuais.
  • Fomentar prácticas de consentimento activo e relacións respectuosas.

Contidos:

  • Sexualidade, roles de xénero e diversidade sexual.
  • Mitos sobre a sexualidade e boas prácticas nas redes sociais.

Competencias:

  • Analizar de forma crítica.
  • Construír relacións igualitarias.
  • Previr a violencia sexual.
Outra Charla de Igualdade? (120 minutos)

O traballo en igualdade de xénero e prevención das violencias machistas incrementouse durante os últimos anos, o que repercutiu no aumento da detección temperá da violencia. Malia isto, certo alumnado presenta resistencias ante este tipo de charlas e desenvolve argumentos negacionistas. Nesta actividade afóndase neses argumentos para responder de forma sosegada e fundamentada algúns mitos que se constrúen sobre a problemática do machismo; ideouse para fomentar o pensamento crítico do alumnado e sinalar discursos hexemónicos que lle restan apoio social á igualdade e revitimizan as vítimas ou directamente negan a existencia da violencia de xénero e da discriminación sexual.

Obxectivos:

  • Adquirir un marco común sobre a igualdade de xénero.
  • Reflexionar criticamente sobre as redes sociais e o machismo que nelas se manifesta.
  • Fomentar novos modelos de relación e apoderar no uso das redes como ferramenta para o cambio social.

Contidos:

  • Sistema sexo-xénero.
  • Diversidade sexual.
  • Roles de xénero.
  • Mandatos de feminidade e masculinidade.
  • Violencia dixital e boas prácticas en redes.

Competencias:

  • Analizar de forma crítica.
  • Construír relacións igualitarias.
  • Identificar discursos sexistas.

Ligazóns de interese