A Deputación presenta Mulleres de palabra(s), un novo programa para “reivindicar a palabra das escritoras do pasado da man de escritoras do presente”
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, deu a coñecer este ciclo, que arranca este venres 21 de marzo na Sede provincial de Vigo coincidindo co Día da Poesía e que pon o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero
19/03/2025
A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, presentou este mércores o novo programa Mulleres de palabra(s), enmarcado dentro das actividades do Ateneo pola Igualdade e que busca poñer o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. A deputada, que estivo acompañada por Susana Pedreira, Andrea Fernández Plata, Fina Casalderrey e Eva Mejuto, algunhas das mulleres que participarán neste ciclo, explicou que o programa, que se desenvolverá ao longo dos próximos seis meses "reivindicará a palabra das escritoras do pasado da man de quince escritoras actuais" e farao a través de obradoiros, recitais e conversas que a Deputación levará por toda a provincia.
"Seguimos avanzando, neste mes no que conmemoramos o 8M coa campaña Malabares ata cando?, pero sobre todo durante todo o ano, traballando para procurar a igualdade real e efectiva- asegurou Sandra Bastos-. Porque precisamos os 365 días do ano para espallar e construír referentes que contribúan a reducir as fendas de xénero a través do fomento de coñecementos científicos, técnicos e artísticos, como neste caso".
Mulleres de palabra(s) arranca este venres, 21 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Poesía, coa celebración do encontro "Unha provincia de poetas", que terá lugar ás 20:00 horas na Sede da Deputación en Vigo, e que contempla un recital e unha conversa dirixida por Susana Pedreira e que contará con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta. No mes de abril, concretamente o día 22, chegará á Guarda, onde será posible desfrutar de "As novas voces literarias da provincia", con Guada Guerra, Lara Dopazo e Andrea Fernández Plata. Xa en maio, Mulleres de palabra(s) aterrará en Sanxenxo con "Escribir para as máis novas", no que participará Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto.
En xuño Mulleres de palabra(s) chegará a Pontevedra co primeiro dos tres obradoiros que se celebrarán ao longo do ano, nesta ocasión para ler narrativa, que terá lugar no Edificio Administrativo da Deputación baixo o título "O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres", de man de Diana López Varela. Dividido en catro sesións semanais ao longo de todo o mes, nel tratarase de identificar os primeiros textos literarios escritos por mulleres, os retos aos que se enfrontaron para publicar e como pasaron á historia e achegaranse ferramentas para valorar as representacións da feminidade nos textos escritos por mulleres e recoñecer as autoras máis relevantes que reivindicaron o uso da primeira persoa.
Tamén en xuño, neste caso cunha duración de dúas sesións, terá lugar na Lama o obradoiro de bordado de palabras, con Maritza Berttolini, no que se explorará e descubrirá o bordado como ferramenta narrativa para reinterpretar a palabra escrita. Os obradoiros rematarán en setembro, de novo en Pontevedra, co obradoiro para ler poesía da man de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero no que, a través de catro sesións, se creará un lugar de encontro coa poesía.
O broche de ouro desta primeira edición de Mulleres de palabra(s) será o 13 de outubro, data na que se conmemora o Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial na que se xuntarán "tres grandes referentes das nosas letras: Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña", explicou Sandra Bastos".