#MulleresQueOpinan

Premios Mulleres que Opinan

Os Premios Mulleres que Opinan, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Pontevedra, teñen como obxectivo impulsar o exercicio da opinión xornalística por parte de mulleres profesionais do sector, animar e promover a escrita nas mulleres máis novas, e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres que queiran opinar.


A Deputación e o Concello de Pontevedra, atendendo a un dos seus principios reitores —a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes—, son conscientes da necesidade de recursos que creen as condicións necesarias para reducir as fendas de xénero aínda existentes. Por iso, este ano convocan a primeira edición dos Premios #Mulleres que Opinan para apoiar as mulleres que exercen a profesión xornalística e o xénero da opinión.

Na convocatoria poderá participar calquera muller maior de idade de todo o territorio estatal que escriba un artigo de opinión, en lingua galega ou castelá, cun texto relacionado coa sétima edición do encontro As Mulleres que Opinan son Perigosas, que terá lugar o 15 e o 16 de marzo de 2024 no Teatro Principal de Pontevedra.