A Deputación destina preto de 2 millóns para que dez concellos da provincia contraten 49 persoas e impulsen investimentos ao abeiro do Plan +Provincia

Os novos recursos beneficiarán os concellos da Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán

08/03/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno destinar preto de 2 millóns de euros para que dez concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3, de activación de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán. "Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos", asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 1,41 millóns de euros para sete concellos: A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Lalín e Marín. Desta maneira, Lalín recibirá 444.011 € para adquirir terreos do Lalín Arena e da casa Don Álvaro; Marín, 284.751 € para humanizar vías en Pedreiras; Baiona, 176.304 € para o proxecto de instalación dun ascensor na casa do concello; Cerdedo-Cotobade, 87.050 € para o recuamento de peches de muros, dunha cuneta e dun galpón en Parada de Tenorio; Arbo, 83.203 € para un ensanche e pavimentación no lugar de Casanova, Mourentán; e A Lama, 8.000 € para acondicionar un sendeiro no lugar de Firveda, en Covelo, na serra do Cando. Ademais, A Guarda contará con 328.355 € para o proxecto básico e de execución da reforma integral do bloque I dos edificios Sinde, que completarán os 709.738 € que xa recibiu ao abeiro do programa PON2030, polo que o orzamento total de 1,04 millóns estará financiado ao 100 % pola Deputación.

No caso da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba 577.000 € para contratar 49 persoas desempregadas nos concellos de Nigrán, Marín, A Cañiza e Dozón. En concreto, Nigrán recibirá 214.242 € para contratar 18 persoas, que traballarán como peoas forestais (15) e conserxes/ordenanzas (3); Marín disporá de 167.087 € para contratar 15 persoas, que ocuparán os postos de peoa ou peón de obras públicas (11), conserxe (3) e auxiliar administrativa/o (1); A Cañiza beneficiarase de 123.019 € para contratar 11 persoas como peoas de obras públicas (6), condutoras operadoras de maquinaria de vías (3) e mozos de recollida de lixo (2); e Dozón recibirá 73.033 € do Plan +Provincia para que cinco persoas ocupen os postos de peoa ou peón forestal (3), capataz forestal (1) e oficial condutor/a (1).

videos

audios