A Deputación concédelle 20.000 euros ao Concello de Lalín para mellorar os accesos ao Lalín Arena

A estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas hai que engadirlles outros 30.000 euros do mesmo plan para adquirir dúas pantallas led e un elevador portátil de acceso ao interior dos vasos da piscina do Lalín Arena

08/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de 20.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello de Lalín, que lle permitirá reparar as ramplas e accesos do Lalín Arena. En total, a institución provincial destinou este ano á mellora deste espazo 50.000 euros, xa que aos recursos que acaban de ser comprometidos hai que engadirlles outros 30.000 euros do mesmo plan aprobados hai unhas semanas para adquirir dúas pantallas led e un elevador portátil de acceso ao interior dos vasos da piscina.

O Concello de Lalín dedicará esta nova achega do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas ao acondicionamento e mellora das ramplas de acceso do Lalín Arena. Desta maneira, repararase a rampla desde a avenida de Xosé Cuiña, para o que será necesario picar totalmente o formigón impreso que se atopa solto, substituír o sumidoiro de evacuación de pluviais e, entre outras tarefas, impermeabilizar. Tamén no exterior será preciso abrir un novo oco na parede existente, debido ás obras de reurbanización da rúa. Ademais, no interior, actuarase nas humidades que están a aparecer no reverso das duchas, facendo unha limpeza completa do soporte e aplicando unha pintura de poliuretano.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou máis de 1,2 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Lalín, para A Cañiza, Arbo, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes, Marín, Moraña, Meis, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa.

Partido da selección española masculina de balonmán no Lalín Arena

No marco do firme compromiso da Deputación de Pontevedra co deporte e coa organización de grandes probas deportivas na provincia, a institución provincial levará ata o Lalín Arena un partido internacional da selección de balonmán masculina. Tras a vitoria das Guerreiras ante Acerbaixán do pasado domingo no Porriño, nun partido tamén patrocinado pola Deputación de Pontevedra, o vindeiro 8 de maio será a quenda dos Hispanos, que disputarán en Lalín un partido contra Serbia, no choque de ida dunha eliminatoria na que estará en xogo o billete para o Campionato do Mundo masculino do próximo 2025.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.