A Deputación concédelle preto de 60.000 euros ao Concello de Gondomar para instalar iluminación nas pistas deportivas das Cercas

Trátanse de recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas que xa mobilizou preto de 1,4 millóns de euros entre 23 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

11/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de preto de 60.000 euros para que o Concello de Gondomar poida instalar unha nova iluminación nas pistas deportivas do complexo das Cercas. O obxectivo é permitir que os usuarios e clubs deportivos poidan empregar estas pistas en franxas horarias máis amplas e organizar torneos, incluso en horario nocturno. 

Con estes recursos o Concello de Gondomar poderá dotar ás pistas de iluminación artificial de baixo consumo a través da instalación de tres pares de columnas para dispoñer de proxectores LED na zona das pistas de tenis. Ademais, instalaranse dúas columnas adicionais na zona na que se atopan a cancha de baloncesto e o skatepark.

Ata o momento, o Goberno provincial mobilizou ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas preto de 1,4 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Gondomar, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.