Luis López salienta que o +Provincia mobilizará 1,1 millóns para que nove concellos impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten 37 persoas
Os novos recursos beneficiarán os concellos da Cañiza, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Forcarei, Moaña, Mondariz, Ponteareas e Redondela
22/03/2024
A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno destinar preto de 1,12 millóns de euros para que nove concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten 37 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Forcarei, Moaña, Mondariz, Ponteareas e Redondela. Con este novos recursos, como explicou o presidente provincial, Luis López, son xa uns 12 millóns os aprobados ao longo deste ano ao abeiro deste plan para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 565.000 euros para cinco concellos: A Cañiza, Dozón, Mondariz, Ponteareas e Redondela. Desta maneira, Redondela recibirá 202.840 euros para a pavimentación e mellora da estrada do Outeiro de Reboreda; A Cañiza, 81.622 euros para o proxecto de xeración eléctrica fotovoltaica para uso da piscina municipal; e Mondariz, 76.070 euros para a ampliación do saneamento no barrio do Cruceiro. Ademais, Dozón contará con 118.282 euros para a rehabilitación dun edificio para uso sociocultural no Castro de Dozón e Ponteareas, 86.900 euros para o acondicionamento e ampliación dun edificio público para ludoteca. Estes dous últimos proxectos serán financiados ao 100 % pola institución provincial, a través de diferentes mecanismos provinciais de axuda.
No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar 216.943 euros para os concellos da Estrada e Cerdedo-Cotobade. En concreto, A Estrada recibe 146.900 euros que se reparten entre varias actividades: o XV Campus Deportivo de Verán 2024 (51.000 euros), Estrada escena (30.900 euros), a 50.ª Festa do Salmón (22.000 euros), Adventure Galicia (14.700 euros), o Ciclo Ruralizarte 2024 (8.100 euros), as feiras cabalares de Pascua e San Martiño (5.900 euros) e a XXVIII Subida A Estrada 2024 (5.400 euros). No caso de Cerdedo-Cotobade, os 70.043 euros aprobados irán destinados á iluminación e decoración de Nadal (16.200 euros), música (12.990 euros), teatro (10.591 euros), excursións (5.000 euros), Festa do Neno (4.488 euros), San Xoán (4.433 euros), entroido infantil (3.955 euros), Transgalaica Cerdedo-Cotobade 2024 (3.630 euros), Nadal infantil (3.256 euros), Campionato Galego de Kickboxing Cerdedo-Cotobade 2024 (3.000 euros) e TorneoCup de fútbol base Cerdedo-Cotobade 2024 (2.500 euros).
Por último, ao abeiro da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba 340.182 euros para a contratación de 37 persoas desempregadas nos concellos de Moaña e Forcarei. En concreto, Moaña recibirá 210.839 euros para contratar 28 persoas traballadoras coma peoas ou peóns do medio forestal (6), limpadoras ou limpadores (6), peoas ou peóns especialistas xardineiros (4), peoas ou peóns de obra pública (3), conserxes (3), peoas ou peóns xardineiros (2), oficiala ou oficial albanel (1), oficiala ou oficial electricista (1), oficiala ou oficial enterrador (1) e oficiala ou oficial condutor (1). Pola súa banda, Forcarei contará con 129.342 euros para condutoras ou condutores de tractor (2), peoas ou peóns forestais (2), peoas ou peóns de obras públicas (2), peoa ou peón de recollida de lixo (1) e oficiala ou oficial de 1.ª albanel (2).