A Deputación destina máis de 1,75 millóns de euros para que once concellos da provincia contraten 54 persoas, afronten gasto corrente e impulsen novos investimentos

Os novos recursos beneficiarán os concellos da Estrada, Arbo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Lalín, Meaño, Moaña, O Grove, Silleda e Vilagarcía de Arousa

18/03/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,76 millóns de euros para que once concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten 54 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Estrada, Arbo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Lalín, Meaño, Moaña, O Grove, Silleda e Vilagarcía de Arousa. “Avanzamos no repartimento de fondos do Plan +Provincia e este ano xa aprobamos preto de 11 millóns de euros para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”, asegurou o presidente provincial, Luis López.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 908.000 euros para catro concellos: Arbo, Cerdedo-Cotobade, Covelo e Lalín. Desta maneira, Lalín recibirá 729.686 euros para adquirir terreos para a Gran Praza; Cerdedo-Cotobade, 63.609 euros para as obras de recollida de augas pluviais e pavimentado de pistas nos lugares de Cuíñas e Costiñas (38.174 euros), e para a instalación de cinco columnas de iluminación de aceiro galvanizado na PO-233 e substitución de 23 luminarias entre o p. q. 5+450 e o p. q. 6+730 nas parroquias de Borela e Almofrei (25.434 euros); e Covelo, 32.175 euros para a reforma interior da Escola de Redondo. Ademais, Arbo contará con 83.212 euros para o proxecto de mobilidade peonil no treito antigo da EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela na contorna da igrexa de San Sebastián, que completarán os 332.851 euros que xa recibiu ao abeiro dun convenio firmado entre a Deputación e o Concello. Desta maneira, o orzamento total será de 416.064 euros e estará financiado integramente pola institución provincial.

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar 287.975 euros para os concellos de Moaña, Silleda e Vilagarcía de Arousa. En concreto, A Moaña diríxense 91.144 euros para o servizo de limpeza viaria e a Silleda, 73.815 euros para servizos enerxéticos e de mantemento integral do alumeado público exterior. Ademais, Vilagarcía de Arousa recibirá 123.015 euros para o Combate Naval (46.415 euros), o VII Festival Internacional de Música Clásica (30.000 euros), un programa para fomentar a igualdade de xénero (13.246 euros) e catro proxectos: un de estimulación cognitiva e psicomotriz (12.654 euros), “Empatiza” (8.869 euros), “Non te deixes enganar” (6.125 euros) e o de intervención socioeducativa desde o teatro do oprimido (5.614 euros).

Por último, ao abeiro da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba 571.177 euros para contratar 54 persoas desempregadas nos concellos da Estrada, Catoira, Meaño e O Grove. En concreto, A Estrada recibirá 194.973 euros para contratar quince persoas como persoas forestais (4), peoas de obras públicas (3), oficiais de primeira albaneis (2), axudantes de electricista (2), conserxe (1), oficial de primeira fontaneiro (1), auxiliar de biblioteca (1) e condutora de camión (1). Pola súa parte, O Grove disporá de 174.608 euros para 18 persoas, que ocuparán os postos de peoas de obras públicas (5), auxiliares administrativas (4), peoas de limpeza (3), peoas de xardinería (2), condutoras (2), auxiliar de cultura ou animadora sociocultural (1) e axudante de museo (1); Meaño beneficiarase de 109.364 euros para contratar doce persoas como peoas de obras públicas (4), albaneis (3), operaria condutora (1), traballadora forestal (1), limpadora (1), técnica de educación infantil (1) e coidadora da terceira idade (1). Por último, Catoira recibirá 92.230 euros do Plan +Provincia para que nove persoas ocupen os postos de peoas de obras públicas (6), peoa de limpeza (1), condutora (1) e auxiliar ou axudante de museos (1).

audios