Luis López resume a acción da Deputación en Pontevedra e a súa contorna: 27 M€ en investimentos e impulso récord á cultura, ao deporte e ao asociacionismo
O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e os deputados María Ramallo e Jorge Cubela, fai balance dos proxectos e programas que o goberno provincial leva postos en marcha en nove concellos da contorna de Pontevedra
03/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o investimento de 27 millóns de euros en Pontevedra e a súa contorna a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou en diversas actuacións do servizo de Infraestruturas. Nun almorzo informativo no Museo de Pontevedra con medios de comunicación e no que tamén participaron o vicepresidente provincial Rafa Domínguez e os deputados María Ramallo e Jorge Cubela, López sumou ao balance do ano o impulso que a Deputación deu a outras áreas como os 640.000 euros dirixidos a 70 asociacións veciñais ou comunidades de auga; os 320.000 euros para apoiar preto de 450 entidades culturais ou os 225.000 euros para impulsar 145 actividades ou entidades deportivas.
Antes de entrar a debullar polo miúdo o realizado neste ano nos 9 concellos —Pontevedra, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa— que integran a contorna de Pontevedra, o dirixente provincial repasou a pegada da acción da Deputación en distintos ámbitos da vida social deste territorio. A nivel investimentos, o +Provincia serviu para impulsar iniciativas por valor de 5,9 M€, o PON2030, 1,5 M€; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 0.5M€; e a través do Servizo de Infraestruturas, 5,4 M€. Aos que hai que engadir os preto de 15 millóns de euros investidos soamente na cidade de Pontevedra, entre os que non se inclúen accións de futuro como a propia Bienal ou as obras previstas no Palacete das Mendoza.
Por concellos, López destacou os 3,3 millóns de euros de investimentos en Marín, en actuacións como a mellora do Pavillón da Cañota, con 464.000 euros, ou na mellora da mobilidade da estrada O Campo-Pardavila, con 360.000 euros. No que respecta a Cerdedo-Cotobade, os recursos ascenden a máis de 1,5 millóns de euros con 900.000 euros para a estrada Xesteira-Almofrei, máis de 400.000 euros no treito Serrapio-Portela, ou 221.000 para humanizar Os Castros. No que respecta a Barro, cómpre subliñar o traslado do Parque de Maquinaria á localidade, o enorme pulo empresarial que está tendo o Polígono e o Viveiro de Empresas da localidade, así como a financiación do 100% da obra de pavimentación en Portela, con 110.000 €.
Pola súa banda, en Campo Lameiro, a institución está destinando 160.000 euros a financiar completamente a recuperación para uso peonil do camiño entre Casiñas e Camiño Carballeira e na Lama 300.000 euros á mellora da accesibilidade peonil da rúa Alameda. Ademais, en Poio a Deputación sufragou ao 100% a mellora de varios camiños municipais por máis de medio millón de euros –entre eles, na rúa Sartal, Travesía da Seara, ou Camiño Outeiro— e abriu unha nova pista de pump truck coa axuda do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. En Ponte Caldelas financiou toda a renovación do céspede artificial de Chan da Barcia, con máis de 305.000 euros e en Vilaboa está a rehabilitar un centro social e de maiores cunha achega de case medio millón de euros.
Cidade de Pontevedra
“Posiblemente Pontevedra sexa o lugar onde menos cómpre explicar o papel da Deputación, pois coas súas sedes principais ou co seu Museo aquí, forma parte da paisaxe institucional, social, cultural e deportiva na provincia”, subliñou Luis López. “A Deputación de Pontevedra está con Pontevedra. Son dúas realidades inseparables. O noso compromiso cos pontevedreses vai máis alá, en todo caso. Está en cada evento deportivo, en cada concerto, en cada acto no Pazo, en cada exposición no Museo ou en cada visitante atendido no Palacete das Mendoza”, asegurou antes de dar paso ao vicepresidente provincial, quen debullou os investimentos realizados na capital da provincia polo organismo e ao que cualificou como o “responsable de que o Museo estea a bater récords de visitas, de atraer artistas de talla internacional e de converter a Santa Clara nun tesouro aberto para toda Pontevedra. El é o artífice do regreso da Bienal e capitanea os investimentos que realizamos na cidade con fondos provinciais”.
Rafa Domínguez comezou agradecendo a confianza do presidente porque “a vicepresidencia non vai por libre, pero traballa con moita autonomía para elixir as mellores políticas para os pontevedreses. Síntome moi orgulloso de formar parte do teu equipo, presidente; de poder ver como se materializan proxectos en Pontevedra da man da Deputación que supoñen xa unha grande transformación desta cidade”. Domínguez detallou que “son preto de 15 millóns os que a Deputación investiu na cidade este ano. Recursos reais, xa investidos, que desembocarán nunha mellor cidade no futuro; unha Pontevedra con infraestruturas e equipamentos do século XXI; unha Pontevedra que avanza para ser un referente cultural internacional e unha Pontevedra que camiña da man dunha institución provincial comprometida coas súas veciñas e veciños”.
Ao detalle, o vicepresidente recordou que xa se destinaron 1,6 millóns de euros á redacción do proxecto básico de Santa Clara e 1,6 millóns de euros aos convenios asinados recentemente co Concello (12 de novembro -710.000 euros- e vial de Mollavao -1,3 millóns de euros-), ademais dos 1,6 millóns de euros dirixidos á renaturalización da Xunqueira de Alba, os 1,4 millóns de euros da reforma da iluminación do Lérez, os 1,1 millóns de euros do acceso a Montecelo, os 1,7 millóns de euros da estrada de Tomeza, os 3,2 millóns de euros en diversas actuacións en Príncipe Felipe, os 2 millóns de euros da Praza de Barcelos, os 420.000 destinados no 2024 á nova Casa Consistorial ou contías que ascenden aos 150.000 euros para a conservación de firmes ou coidado das ruínas de San Domingos. Recursos aos que hai que engadir, tal e como asegurou Domínguez, outras partidas que “van máis alá de obra” como os 130.000 euros destinados ao Concello para actuacións culturais e de Nadal, 900.000 euros para o deporte, 30.000 euros para 32 colaboracións no ámbito cultural ou 75.000 euros para oito asociacións no marco dos programas de Acción Comunitaria.
“Obviamente o proxecto de Santa Clara e a Bienal de Arte suporán un investimento da Deputación moito maior, así como a interconexión dos edificios centrais do Museo de Pontevedra ou no noso papel na organización dos Premios Feroz que auguran un 2025 prometedor”, concluíu o vicepresidente provincial.
Un equipo de goberno municipalista
“A historia de apoio a Pontevedra replícase no resto dos concellos da zona, con cuxos alcaldes mantiven reunións institucionais”, engadiu Luis López outra das marcas do goberno provincial: a comunicación fluída e cooperación leal cos gobernos locais da comarca de Pontevedra e tamén do resto da provincia. Ademais, o presidente provincial quixo tamén poñer en valor o labor do seu equipo de goberno, facendo fincapé no importancia que teñen ás áreas de Cooperación, Cultura e Xuventude e Reto Demográfico, que dirixen María Ramallo e Jorge Cubela.
“Sobre María Ramallo, unha municipalista convencida, descansa a que posiblemente sexa a área máis sensible e identificable da Deputación: a cooperación cos concellos e plans como o +Provincia, o novo Plan Provincia Extraordinaria, o Plan de Infraestrturuas Deportivas ou o de Acción Comunitaria”, remarcou López sobre a alcaldesa de Marín. No que respecta a Cubela, subliñou a súa “capacidade de traballo e os seus enormes resultados capitaneando dúas áreas estratéxicas como son Cultura –é dicir, programas como o +Escénicas ou o Culturea- e a nova área de Xuventude e Reto Demográfico, ao abeiro da cal lanzamos as primeiras axudas da historia da Deputación aos mozos e mozas da provincia”.