A Deputación avanza con firmeza nos proxectos dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e Santa Clara, garantindo o futuro cultural de Pontevedra

O vicepresidente Rafa Domínguez sinalou que o proxecto dos edificios centrais está xa definido ao detalle e preparado para ser presentado a Patrimonio estes días, coa previsión de obter o visto bo en só tres meses

30/12/2024

Rafa Domínguez

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu en rolda de prensa para explicar a situación actual do proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e Santa Clara, que avanzan con firmeza e poderían contar, no caso dos edificios centrais, co visto bo de Patrimonio nun prazo de só tres meses. Este proxecto, sinalou o vicepresidente provincial, “está moi definido e ao detalle, vai entrar en Patrimonio nestes días e estamos convencidos de que co nivel de detalle e traballo que ten poderemos velo aprobado nese prazo”. Domínguez puxo en valor o “labor magnífico, certamente incrible do servizo de Arquitectura da Deputación, que está a supervisar os traballos desde a nosa chegada a esta institución. Todos os profesionais da Deputación traballaron arreo e temos que agradecer o esforzo, que superou con creces as expectativas”.

No relativo a Santa Clara, o vicepresidente provincial asegurou que “temos un compromiso enorme con que sexa unha obra emblemática para o Museo e un eixo fundamental sobre o que pivote o futuro da cidade de Pontevedra”. Pero, lembrou Domínguez, “tan importante é o convento como os xardíns, por iso a nosa primeira decisión foi protexelos para incorporalos á cidade e, en só sete meses, negociamos co proxecto gañador para protexelos e adxudicamos a rehabilitación: asegúrovos que non foi nada doado, levou consigo moito traballo”. O vicepresidente provincial tamén sinalou como en agosto de 2023 se convocou unha comisión de seguimento co Concello e, en abril deste ano, nunha nova reunión, “deuse luz verde a que o persoal técnico intercambiase documentación para axilizar a licenza municipal xa que a idea era ir da man co Concello”.

Rafa Domínguez detallou a situación administrativa das obras de Santa Clara, e sinalou que en xuño aprobouse o proxecto básico, solicitouse a autorización a Patrimonio e en xullo resolveuse autorizalo. Despois disto, solicitouse a licenza municipal, e a finais dese mes recibiuse un oficio de mellora por parte do Concello requirindo documentación adicional que se respondeu completamente o 25 de novembro e está en fase de estudo. Ademais, de forma paralela a Deputación iniciou unha serie de trámites como o proxecto de conservación e restauración con vistas a unha autorización definitiva posterior (na actualidade en proceso de adxudicación por medio dunha asistencia técnica), ou un proxecto de intervención arqueolóxica para a escavación e lectura de parámetros (que xa está redactado, cun importe estimado de 318.000 euros, e tramitarase un contrato de servizos para proceder á designación da dirección e o equipo de traballo).

Tamén se está a traballar nun proxecto de catas, necesario para a elaboración do proxecto de execución das obras de Santa Clara (en xuño solicitouse a autorización para a separata de catas complementarias e o Concello recentemente deu a autorización, permitindo avanzar na fase de execución), así como na autorización para a conexión de servizos urbanísticos, necesaria para a tramitación da licenza (tramitouse con VIAQUA en agosto, e en outubro incorporouse ao expediente de licenza). Por iso, “os técnicos provinciais dan por entregada toda a documentación necesaria e todos os novos requirimentos, polo que entendemos que se dan as condicións para termos en breve a licenza municipal”.

Fronte á “nosa intención sincera e nobre de colaborar”, Domínguez criticou os “ataques” recibidos desde o goberno municipal sobre o atraso en Santa Clara, “cando debería ser un proxecto de cidade á marxe da disputa política, e máis cando a día de hoxe o único retraso que ten Santa Clara é na concesión da licenza municipal”. Ante esta situación de bloqueo, Domínguez solicitou ao Concello de Pontevedra “que manteña o seu compromiso coa licenza para que poidamos seguir avanzando”.

Rafa Domínguez tamén aclarou dúas cuestións relativas á situación que atopou o actual goberno provincial na tramitación das obras dos edificios centrais do Museo. En primeiro lugar, “estas non tiñan o proxecto definitivo, non o mandaron a Patrimonio para recibir o visto bo, non pediron licenza municipal, non licitaron o contrato e non o adxudicaron, e todos estes son pasos previos para poder iniciar as obras, polo que é imposible que as obras de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra estivesen a piques de iniciar como nos aseguraron”. En segundo lugar, o vicepresidente provincial tamén informou de que a Deputación acaba de solicitar “unha reunión en Madrid co Ministerio para avaliar a posibilidade de non perder os 3 millóns de euros de fondos europeos que solicitou o anterior goberno sabendo que non ía rematarse en tempo e forma”, pero adiantou que “somos moi pesimistas ao respecto”.

Galerias de imaxes

audios