Rafa Domínguez apela a deixar o proxecto de Santa Clara “ao marxe de calquera batalla política” e aposta por convertelo en “punto de encontro de todos”
O retraso da actuación no convento débese “única e exclusivamente aos intereses persoais e políticos de Lores. Pídolle que se poña a traballar da man, con nós, neste proxecto que é de todos os pontevedreses”
03/03/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de resumir en conferencia de prensa o estado de situación do proxecto de Santa Clara cuxo retraso se debe “única e exclusivamente aos intereses persoais e políticos de Lores”. “Santa Clara debe quedar ao marxe de calquera batalla política e debe ser un punto de encontro de todos”, reivindicou o vicepresidente provincial quen pediu ao alcalde que “deixe a un lado os intereses políticos e se poña a traballar da man, con nós, neste proxecto que é de todos os pontevedreses”. Neste eido lamentou que “cada día que pasa sen que Lores dea licencia para Santa Clara é un día que perden as veciñas e veciños de Pontevedra para desfrutar do convento e os seus xardíns”.
Pese a que os técnicos do Concello de Pontevedra acordaron cos técnicos provinciais conceder a licencia co proxecto básico para Santa Clara, entregado o 22 de xullo do pasado ano, máis de sete meses despois a Deputación segue sen conseguir este trámite que lle permitiría avanzar no procedemento administrativo desta actuación. “Somos moi conscientes de que aínda que nos concedesen a licencia non se iniciarían as obras sen facer entrega do proxecto definitivo, así como do proxecto arqueolóxico e demais consideracións dos técnicos do Concello de Pontevedra” explicou Domínguez pero coa licencia “sería posible gañar tempo ao poder licitar a actuación, sacala a contratación e adxudicala, así como avanzar en paralelo no proxecto arqueolóxico e no proxecto definitivo”.
Desde a presentación do proxecto básico no Concello de Pontevedra “as trabas administrativas non paran de sucederse porque hai unha clara vontade de Lores de retrasar o máximo posible a actuación en Santa Clara”, asegurou o vicepresidente. Os requirimentos son continuos, desde o propio mes de xullo de 2024 ata o último, en febreiro de 2025, recordou Domínguez quen lamentou que “a pesar de dicirnos que nos darían a licencia co proxecto básico para poder iniciar os trámites administrativos, máis de 7 meses despois de entregalo seguen a solicitar nova documentación que non tiñan solicitado anteriormente. Non é de recibo e demostra a situación de bloqueo por parte do Concello de Pontevedra no que respecta ao proxecto de Santa Clara. En calquera caso, nós imos cumprir e imos entregar, como sempre fixemos, todo o que nos solicitan”.
“O goberno provincial cumpre con Pontevedra”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra recordou que soamente unhas semanas despois de facer entrega do proxecto básico, en agosto, Lores asegurou que a súa “principal preocupación” era o retraso de Santa Clara. “O único responsable dos retrasos é o Concello de Pontevedra”, lamentou Rafa Domínguez, porque “o alcalde non soporta que o seu rival político capitalice este proxecto e que teña enriba da mesa actuacións en Pontevedra que superan os 40 millóns de euros”. Neste eido, o vicepresidente referiuse aos 23 millóns para Santa Clara, aos 12 para os edificios centrais do Museo de Pontevedra, aos 1,5 millóns da Bienal de arte de Pontevedra ou aos 7,5 millóns de euros que a institución provincial investirá na cidade nos próximos anos. “Lores equivócase. Son proxectos que deben quedar á marxe da batalla política e nos que debemos colaborar todas as institucións. E, desde logo, e pese ás trabas, este goberno provincial vai seguir cumprindo con Pontevedra”.
Rafa Domínguez recordou que o actual goberno da Deputación tivo que reformular o proxecto de Santa Clara para garantir a máxima protección tanto para os xardíns como para o recinto conventual. “Pedimos á empresa que gañou a adxudicación, Nieto Sobejano, que fixeran unha adaptación do proxecto e en marzo de 2024 adxudicámolo por un importe de máis de 1,7 millóns de euros. Desde aquela, e en só dous meses, a empresa entregou o proxecto básico para Santa Clara que fixemos chegar ao Concello de Pontevedra en xullo”.
Tamén engadiu Domínguez que está en proceso de contratación o proxecto arqueolóxico de Santa Clara, cun orzamento de 350.000 euros e que está previsto ter resolto en xuño deste ano. “Non se trata dunha cata arqueolóxica, que é no que se escuda agora Lores, trátase dun proxecto arqueolóxico completo para poder edificar”, destacou Domínguez quen insistiu en que “ninguén vai protexer o patrimonio de Santa Clara como estamos a facer nós” e adiantou que tamén en xuño estará rematado o proxecto definitivo para os xardíns e o recinto conventual.