Luis López resume a pegada da Deputación no Morrazo: máis de 6,6 M€ investidos en obras e infraestruturas para mellorar a calidade de vida en Cangas, Bueu e Moaña
O presidente provincial, acompañado pola deputada María Ramallo, pecha en Cangas ua serie de encontros informativos comarcais para facer balance dos proxectos e programas postos en marcha polo goberno provincial desde o comezo do mandato
23/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o investimento de máis de 6,6 millóns de euros nos concellos da comarca do Morrazo a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou en diversas actuacións do servizo de Infraestruturas. Nun almorzo informativo en Cangas con profesionais dos medios de comunicación locais, no que tamén participou a deputada provincial María Ramallo, o mandatario provincial sumou ao balance do ano o impulso que a Deputación outros preto de 400.000 euros distribuídos en áreas como a cultura, con máis de 200.000 euros para apoiar a 234 entidades culturais; o deporte, con 130.000 euros para apoiar ata 64 actividades impulsadas por clubs deportivos; ou os 45.600 euros dirixidos á acción comunitaria con axudas a nove entidades veciñais ou comunidades de usuarios de augas.
“Cooperar cos 61 concellos da provincia, impulsar investimentos, apostar pola desestacionalización do turismo ou apoiar o tecido empresarial son máximas deste proxecto que comezou hai ano e medio. Unhas máximas que en comarcas coma O Morrazo cobran un valor aínda maior cando colaboramos cun sector estratéxico nesta comarca como é o pesqueiro cun apoio sen precedentes ás Confrarías de Pescadores e que reforzaremos o vindeiro ano cunha suba de 100.000€, un 40 % máis, ata os 350.000 €; cando apostamos polo deporte a través dun proxecto pioneiro como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que no 2025 redobraremos; ou cando impulsamos un modelo de turismo desestacionalizado e deslocalizado. Porque experiencias 100 % Rías Baixas coma as que ofrece o Morrazo danse nun destino que prima a calidade, que potencia o contacto coa natureza sen alterala e que ten no turista un aliado e non un inimigo”, subliñou o presidente Luis López.
Antes de entrar a debullar polo miúdo o feito neste ano nestes tres concellos —Cangas, Bueu e Moaña— que integran a comarca do Morrazo, o dirixente provincial repasou a pegada da acción da Deputación en distintos ámbitos da vida social deste territorio. A nivel investimentos, o +Provincia serviu para impulsar iniciativas por valor de 3,2 millóns de euros; o PON2030 acada os 1,6 millóns; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas deixa 350.000 euros e, a través do servizo de Infraestruturas, a Deputación investiu preto de 1,5 millóns de euros.
Por concellos, o presidente cifrou o investimento da Deputación en cangas en 3,6 millóns de euros. Uns fondos que serviron para executar proxectos clave como o reasfaltado de Espiñeiro, Longán, Rodeira, Cunchido e A Madalena, así como a reurbanización da rúa da Estrela por valor de 833.000€ a través do +Provincia; a mellora a iluminación no estadio de atletismo por 152.000 euros a través do PEID; o proxecto de peonalización da rúa Eduardo Vicenti e Avenida Montero Ríos cunha achega de 890.000 euros polo PON2030; ou a mellora da mobilidade peonil na EP-1002 entre a Madalena e Aldán a través dun convenio polo que a Deputación achega o 80% do total: 1M€. Neste punto, o presidente López puntualizou que a licitación da obra está pendente da resolución dunha incidencia por parte do Concello. “Nunha última revisión do proxecto observamos unha serie de cuestións que provocan un requirimento que foi enviado o 24 de outubro ao Concello. Estamos a espera de que contesten. Neste caso non houbo expropiacións, senón cesións de terreos e pode que haxa unha pequena particularidade que impide que poidamos seguir avanzando na licitación”, explicou o presidente sobre o proceso de tramitación do proxecto da estrada da Madalena a cuestións dos xornalistas.
No caso de Bueu, o organismo provincial mobilizou un total de 1,2 millóns de euros. Uns recursos que permitiron a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na zona de Bon de Abaixo cun desembolso de 462.000 € a través do +Provincia, a mellora eléctrica e de eficiencia enerxética no campo de fútbol da Graña a través da conxugación do PEID e do +Provincia cun desembolso máis de 110.000 €, ou actuacións puntuais en estradas provinciais para mellorar a seguridade viaria por valor de case 100.000€.
Finalmente, en Moaña a Deputación leva investidos neste mandato un total de 2,2 millóns de euros. Unha cantidade que se destinou a executar proxectos, a través do +Provincia, como a renovación dos sistemas de abastecemento e saneamento nas rúas Lameira e Baixada a Torneira por 500.000 €, a mellora do viario municipal desde San Lourenzo a Carballido por 240.000€; por medio do PEID, a construción do novo skatepark por 166.400 € ou, mediante o PON2030, a rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara por 690.000 €.
Goberno municipalista
Ano e medio de apoio millonario e máxima colaboración cos gobernos locais para transformar a provincia e mellorar a calidade de vida da veciñanza destes tres concellos do Morrazo. Esta liña de traballo centrada na asistencia aos concellos ten, segundo afirmou o presidente Luis López, na figura da deputada de Cooperación Local, María Ramallo, unha das principais valedoras. “Nas cuestións cruciais para os concellos e a veciñanza a Deputación vai ser sempre un apoio sólido e un aliado fiel. Unha cooperación que é sinal de identidade deste equipo de goberno e que podemos personalizar na figura de María Ramallo, unha interlocutora leal e comprometida para escoitar, entender a atender as necesidades dos concellos e os seus veciños”, salientou López.
Con motivo da celebración deste encontro, o sexto e derradeiro dunha serie de reunións que serviron para facer balance do feito pola Deputación neste ano e medio de mandato nas distintas comarcas da provincia, Luis López sinalou que a acción do organismo provincial, ademais dos proxectos executados, podería resumirse en “escoitar máis que falar, entender para logo atender e en poñer en práctica ese municipalismo que nos define na Deputación, que é confiar nos alcaldes e alcaldesas, colaborar con eles e achegar o maior apoio posible”.
Peaxe na AP-9
Con todo, hai proxectos e desafíos que están fóra do marco de competencias da Deputación, pero que cuxa atención é moi necesaria. “Por exemplo, oxalá puidéramos ter un Goberno que se comprometera dunha vez por todas a liberar a AP-9 dunhas peaxes abusivas. Peticións xustas e históricas, pero que en Madrid caen en saco roto unha e outra vez. Coa da semana pasada son xa 17 as veces que a Mesa do Congreso, controlada por PSOE e Sumar, bloquea o debate sobre a AP-9. Ou oxalá se comprometera en serio co AVE Vigo-Porto, como mínimo, co mesmo interese que Portugal”, declarou López, quen apelou ao “traballo en conxunto” de toda a comarca e a provincia para que “eses oxalás sexan algún día realidade”.