Luis López condensa a acción da Deputación no Deza e Tabeirós-Terra de Montes: case 16 M€ en obras e infraestruturas para transformar oito concellos

O presidente provincial, acompañado pola deputada Belén Cachafeiro, fai balance dos proxectos e programas que o goberno provincial leva postos en marcha en Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces, A Estrada e Forcarei

16/12/2024

Balance 2024 no no Deza e Tabeirós-Terra de Montes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o investimento de case 16 millóns de euros nos concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou en diversas actuacións do servizo de Infraestruturas. Nun almorzo informativo en Lalín con medios de comunicación de ámbalas dúas comarcas e no que tamén participou a deputada provincial Belén Cachafeiro, o mandatario provincial sumou ao balance do ano o impulso que a Deputación outros preto de 2 millóns de euros distribuídos en áreas como a cultura, con máis de 300.000 euros para apoiar a 364 entidades culturais; o deporte, con case medio millón de euros para apoiar ata 59 actividades impulsadas por clubs deportivos; os máis de 320.000 para a Finca de Mouriscade ou o medio millón dirixido á acción comunitaria, con axudas a 54 entidades veciñais ou comunidades de usuarios de augas. “Apostar polo rural é apostar pola nosa forma de vida, polas nosas tradicións, pola nosa economía e por manter con vida as nosas vilas e aldeas. Porque polo Deza e Tabeirós pasan moitos camiños, non só o que nos leva a Compostela, tamén a encrucillada do Reto Demográfico, a desestacionalización e descentralización do turismo ou a sustentabilidade, que por primeira vez se ten en conta no reparto de fondos provinciais”, subliñou o presidente Luis López.

Antes de entrar a debullar polo miúdo o feito neste ano nos oito concellos —Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces, A Estrada e Forcarei— que integran estas dúas comarcas, o dirixente provincial repasou a pegada da acción da Deputación en distintos ámbitos da vida social deste territorio. A nivel investimentos, o +Provincia serviu para impulsar iniciativas por valor de preto de 8 millóns de euros; o PON2030 preto de 4 millóns; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, medio millón; e a través do servizo de Infraestruturas outros preto de 4 millóns de euros. Ademais, ao longo deste ano o goberno provincial tamén puxo o foco nas comarcas traendo ata Silleda, Lalín ou A Estrada, o 6Days de Enduro, a competición máis importante desta disciplina; o partido entre os Hispanos contra Serbia, a elite do balonmán; a Gala dos Mestre Mateo ata Lalín; o recoñecemento das cooperativas agrogandeiras da provincia cunha liña de subvencións de 350.000 €, un 40% máis que o ano pasado; ou a nova liña de formación laboral xunto coas asociacións empresariais, por 150.000 euros.

Por Concellos, o presidente destacou os investimentos de preto de 1,6 millóns de euros en Lalín para financiar o 80% da construción do edificio polivalente en Carragoso (560.000 €), para ampliar o Lalín Arena (280.000 €) ou para apoiar a compra dos terreos da Gran Plaza (730.000 €); en Rodeiro os preto de 1,5 millóns de euros destinados á pavimentación de viarios (medio millón de euros) ou á humanización da rúa B, na contorna do colexio público (425.700 €); en Agolada os preto dun millón de euros para remodelar a piscina municipal (543.000€ do PON2030 e Plan Concellos) ou a mellora de camiños municipais (413.000€); en Dozón os máis de 518.000  e para a reposición do firme na estrada provincial EP-6101 entre Bidueiros e Amoedo; en Silleda os preto de 1,3 millóns de euros para a mobilidade peonil no centro de Bandeira (120.000€), para a mellora de camiños (370.000 €) ou para a mellora da mobilidade peonil da Avenida Recinto Feiral e rúa Arturo Pérez Lázara (760.000 €) e en Vila de Cruces os 420.000 € para obras en estradas e camiños municipais.

No caso da comarca de Tabeirós e Terra de Montes, Luis López subliñou os 2,5 millóns de euros destinados á Estrada para obras en infraestruturas deportivas (1,5 millóns de euros para a mellora da piscina e construción dun módulo deportivo cuberto) ou as obras de conservación de estradas (1 millón de euros); e o preto de medio millón de euros dirixido a Forcarei para a adquisición dun camión de recollida de lixo (230.000 €) ou para mellorar o pavimento da rúa Francisco Filgueiras (200.000 €).

Balance 2024 no no Deza e Tabeirós-Terra de Montes

Un equipo de goberno municipalista

“Para min este é un dos almorzos informativos máis especiais dos que organizamos, porque aquí me criei, aquí din os meus primeiros pasos na Administración local e aquí aprendín todo o que nesta nova etapa trato de aplicar á miña xestión da Deputación que non é outra cousa que escoitar máis que falar, entender para logo atender, e poñer en práctica ese municipalismo que nos define na Deputación que é confiar nos alcaldes e alcaldesas, colaborar con eles e achegar o maior apoio posible para construír unha provincia máis forte, xusta e competitiva”, engadiu Luis López.

O presidente provincial quixo tamén poñer en valor o labor do seu equipo de goberno: “un equipo comprometido, talentoso e plural que podemos personificar na figura de Belén Cachafeiro, a mellor valedora que a comarca podería ter na Deputación”. Ao respecto, López subliñou que Cachafeiro se encarga dunha área fundamental para a transformación do territorio como é a xestión de fondos europeos e cumprir coas directrices da Axenda Dixital.

Peaxe na AP-53 e outras demandas

Con todo, hai proxectos e desafíos que están fóra do marco de competencias da Deputación, pero que cuxa atención é moi necesaria. “Oxalá puidéramos ter un Goberno que se preocupara polo peto da veciñanza, por eses 13,4 euros que pagan por ir e volver de Santiago e os 14 que pasarán a pagar no 2025 na AP-53”, asegurou Luis López ao tempo que  fixo fincapé na situación das estradas provinciais ao seu paso polas comarcas: “inseguras, desfasadas e cheas de fochancas e curvas perigosas”.  E, neste eido, aposto por “deixar aparte as loitas partidistas e traballar en conxunto polas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes e por toda a provincia, para que eses oxalás sexan algún día realidade”.