A Deputación destina 750.000 € para que seis concellos da provincia afronten investimentos ao abeiro do Plan +Provincia
Os novos recursos beneficiarán aos concellos de Ponte Caldelas, Tui, Salceda de Caselas, O Grove, Cambados e Valga
12/07/2024
A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 750.000 euros para que cinco concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da primeira liña do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Ponte Caldelas, Tui, Salceda de Caselas, O Grove, Cambados e Valga. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, explicou que a Deputación segue “tendendo pontes cos concellos” grazas a este programa “que transforma a vida das veciñas e veciños dos concellos de menos de 50.000 habitantes e do que xa aprobamos máis de 39,5 millóns de euros“.
En concreto, a Xunta de Goberno aprobou recursos que permitirán a estes concellos poñer en marcha proxectos de mellora de camiños, de rehabilitación de espazos socioculturais ou de parques infantís e de humanización, entre outros. Desta maneira, Ponte Caldelas recibirá 61.208 € para a mellora des tres camiños municipais nas parroquias da Insua (concretamente no lugar de Chaín) e na de Taboadelo. Pola súa banda, Tui contará con 83.984 € para a mellora da capa de rodadura no viario que une os lugares do Funchal e Laranxeiras, ambos na parroquia de Rebordáns.
Ademais, Salceda de Caselas recibe 88.056 € para a fase un do proxecto de habilitación dun espazo cuberto para uso sociocultural en San Estevo de Budiño; O Grove 98.251 € para a humanización da rúa Entrehortas, e Cambados 133.809 € par a rehabilitación da area de xogo dos parques infantís de Cambados e Torrado. Por último, Valga recibirá dúas achegas por un total de 284.996 € que lle permitirán ampliar un viario municipal no lugar da Medela (126.166 €) e outro no lugar do Pino, en Setecoros (158.829 €).