A Deputación concede 160.000 euros ao Concello de Tui para a reforma da contorna da praza de abastos

Os recursos do Plan +Provincia permitirán ao goberno local completar o financiamento da actuación, que ten un orzamento total de máis de 760.000 €

23/08/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de preto de 160.000 euros para que o Concello de Tui reforme a contorna da praza de abastos de Tui. Trátase de recursos que proveñen da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia. Con eles o goberno local poderá completar o financiamento da actuación, que ascende a 760.000 €.

En concreto, as actuacións desenvolveranse na intersección das rúas O Pilar e Hermanos Maristas, así como o espazo urbano existente na parcela da praza de abasto. O proxecto busca a mellora desta contorna mediante a renovación de acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación. Ademais, instalaranse novos servizos como un espazo de gradaría na contorna da praza cuberta, unha zona de recarga de vehículos eléctricos, un área axardinada, unha instalación de aparcamento de bicicletas ou o acondicionamento do espazo dedicado á centralización e clasificación de residuos, entre outros. 

No que vai de ano, a Deputación de Pontevedra xa aprobou 41 dos 48,2 millóns de euros do Plan +Provincia, co que, en palabras do presidente, Luis López, “seguimos tendendo pontes cos concellos”.

videos

audios