A Deputación de Pontevedra destina preto de 100.000 euros ao acondicionamento da segunda planta da Casa Consistorial de Mondariz-Balneario

Trátanse de recursos do Plan +Provincia cos que o Concello poderá converter este espazo en aulas de formación e para actividades

30/08/2024

Xunta de Goberno30-08-2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda que ascende a preto de 100.000 euros para financiar o acondicionamento da segunda planta da Casa Consistorial de Mondariz-Balneario. Trátanse, tal e como explicou o presidente Luis López en conferencia de prensa, de recursos do Plan +Provincia cos que o Concello poderá converter este espazo en aulas de formación para actividades.

“Seguimos –asegurou o presidente provincial –tendendo pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través deste plan, o +Provincia, que está a transformar como nunca antes se fixera a vida das veciñas e veciños de Pontevedra”. No caso da actuación en Mondariz-Balneario, que ascende a preto de 140.000 euros, o 71% dos recursos serán financiados cos recursos provinciais do +Provincia, e o 29% restante polo Concello.

Mediante estes recursos Mondariz-Balneario poderá contar cun renovado espazo interdisciplinar, compartimentado, que permitirá ademais acoller actividades culturais e formativas. Unha parte substancial destinarase a biblioteca, distribuída en control, sala de lectura, sala informática e ludoteca. Haberá tamén unha sala polivalente que poderá ser empregada como sala de actividades ou de reunións e cursos, outras dúas aulas e salas auxiliares e de almacenaxe. Ademais, dotarase ao espazo dun sistema de climatización e substituiranse as carpinterías exteriores e as instalacións de alumeado e electricidade, para mellorar a eficiencia enerxética do edificio.