A Deputación concede 200.000 euros ao Concello de Cuntis para que realice investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia

A institución provincial xa aprobou case 41 millóns de euros ao abeiro deste plan para transformar os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

09/08/2024

Conferencia de prensa de Luis López 09-08-2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegar preto de 200.000 euros para que o Concello de Cuntis realice diferentes investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. Un plan que xa repartiu este ano preto de 41 millóns de euros para "transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes – explicou o presidente Luis López-. Seguimos, polo tanto, tendendo pontes cos concellos".

En concreto, destinará 128.000 euros para as obras de mellora da calidade urbana na rúa Bernardo Sagasta, unha obra que ten un orzamento total próximo aos 580.000 € que conta tamén con financiamento do programa DUS 5000 do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE). En concreto, o proxecto propón a realización dunha nova sección viaria coa incorporación de beirarrúas e beiravías para o tránsito peonil e unha senda ciclista. Inclúe, ademais, a limitación da velocidade máxima a 30 km/h, novo mobiliario urbano e a adecuación da iluminación aos novos usos, entre outras actuacións.

Por outra banda, 67.000 euros irán destinados a financiar ao 100% as obras do camiño que dá acceso ao núcleo diseminado de Belai dende a estrada N-640 e no camiño que vai dende o lugar de A Toxeira (San Mamede de Piñeiro) ao de Piñeiros (Santa María de Cuntis). No primeiro caso actuarase nun tramo de 500 metros e no outro de 270, nos que se ampliará o ancho das vías e se instalará unha nova sinalización.

videos

audios