Luis López salienta que o +Provincia mobiliza esta semana preto de 1,1 millóns de € para impulsar investimentos e afrontar gasto corrente en sete concellos
Os novos recursos beneficiarán aos concellos de Bueu, Cambados, Crecente, Meis, O Grove, Poio e Silleda
05/07/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,1 millóns de euros para que sete concellos da provincia impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente ao abeiro das dúas primeiras liñas do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Bueu, Cambados, Crecentes, Meis, O Grove, Poio e Silleda. O presidente provincial, Luis López, explicou que a Deputación segue “tendendo pontes cos concellos” grazas a este programa “que transforma a vida das veciñas e veciños dos concellos de menos de 50.000 habitantes e do que xa aprobamos 38,8 millóns de euros“.
No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 375.000 euros para catro concellos: Bueu, Cambados, Meis e O Grove. Desta maneira, Bueu recibirá 68.603 € para o proxecto de substitución de tubo de pluviais e pavimentación dun camiño no lugar de Murráns; Cambados 78.755 € para a instalación dun sistema de gravación e xestión de vídeo IP, analítica vídeo e intelixencia artificial; Meis 86.750 € para a mellora e ampliación de camiños na parroquia de Paradela, e O Grove 10.974 € para a impermeabilización interior do depósito de auga potable de Borreiros.
No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar máis de 700.000 euros para os concellos de Crecente, Meis, Poio e Silleda. En concreto, Crecente recibe 61.886 € para o pagamento de débedas a acredores de gasto corrente, Silleda 119.400 € para gastos de exercicios pechados pendentes de aprobación, e Meis e Poio 162.558 € e 360.777 €, respectivamente, para o pagamento de débedas a acredores de gasto corrente e investimentos.