Luis López acorda co alcalde de Portas impulsar a construción dunha senda peonil na estrada que une as localidades de Portas e Romai

O presidente da Deputación mantén unha reunión de traballo co rexedor Ricardo Martínez na que analizaron asuntos de interese mutuo para ambas administracións

06/08/2024

Luis López recibe no Pazo provincial a Ricardo Martínez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acorda co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o avance na tramitación do proxecto de construción dunha senda peonil entre as localidades de Portas e Romai. Nun encontro institucional que tivo lugar no despacho do presidente do Pazo provincial, ambos os dous mandatarios analizaron a situación do proxecto, que se atopa en fase de redacción e que se levará a cabo a través da colaboración entre as dúas administracións.

A obra consiste na implantación dunha senda na beira da estrada que une as localidades de Portas e Romai co obxectivo de promover a mobilidade peonil e mellorar a seguridade viaria desta estrada. Trátase dun itinerario duns 3.400 de lonxitude e dun proxecto suporía un investimento de arredor de 1,3 millóns de euros, en cuxa planificación leva tempo traballando o departamento de Infraestruturas que dirixe a deputada provincial, Isabel Couselo. 

A cooperación entre o Concello de Portas e a Deputación de Pontevedra non se limita unicamente á planificación desta senda peonil. Ambas as institucións teñen en marcha distintos proxectos de colaboración a través de programas como o +Provincia, a través do cal o ente provincial achega un total de 443.000 euros para colaborar no financiamento de proxectos como o saneamento no Outeiro, o subministro dunha minicargadora e varredora industrial ou a rehabilitación enerxética da antiga casa consistorial, un proxecto valorado en 230.000 euros que a Deputación financia ao 100 % coa achega doutros 176.000 euros do PON2030. Ademais, a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas destínanse 34.000 euros para reparar a pista polideportiva do pavillón da Rapeira.

O encontro entre o presidente Luis López e o rexedor Ricardo Martínez, que transcorreu nun ambiente amable e de lealdade institucional, intégrase na serie de reunións de traballo que o dirixente provincial está a manter cos alcaldes de toda a provincia para seguir afondando no municipalismo e na posta en marcha de proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza e os servizos que prestan os concellos. 

Galerias de imaxes