Luis López destaca que os 280.000 euros destinados pola Deputación ao campo de Romai permitirán a Portas contar cunha instalación moderna e de calidade

O presidente provincial subliñou a aposta pola mellora dos equipamentos deportivos na provincia a través dun programa de mantemento dos campos de fútbol das comarcas de Pontevedra e Arousa ou dos 4 millóns de euros do Plan de Infraestruturas Deportivas

05/10/2024

Luis López no campo de Romai

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este sábado o compromiso do organismo provincial coa mellora e mantemento das instalacións deportivas da provincia durante o acto de inauguración do novo campo de fútbol de Romai, no municipio de Portas, que contou cun investimento de case 280.000 euros por parte deste organismo. “Somos a provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial, nun acto previo ao encontro de fútbol de veteranos entre o Romai e o Albariño Veteranos de Cambados no que tamén estivo presente o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.

A obra consistiu na construción dun campo de fútbol de céspede artificial nunha parcela na que se atopaba un vello campo de fútbol de terra en desuso. Para executar o proxecto, foi necesario preparar e nivelar o terreo antes de proceder a instalación do céspede artificial e dos sistemas de rego e drenaxe correspondentes. A actuación completouse coa dotación de tres xogos de porterías, un de fútbol 11 e dous de fútbol 7; dous bancos para xogadores cubertos e redes de nylon detrás das porterías. O orzamento ascendeu a un total de 286.558 euros, dos que a Deputación achegou 277.647 euros con cargo ao Plan Concellos 2022-2023.

Unha nova instalación deportiva moderna e adaptada aos novos tempos que vai en consonancia coas medidas postas en marcha polo goberno provincial para impulsar a práctica deportiva en toda a provincia. Neste sentido, puntualizou Luis López, que a Deputación ten en marcha un programa de mantemento e mellora dos campos de fútbol para actuar en 93 instalacións de toda a provincia. Ademais, están aprobadas todas as subvencións do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que repartiu 4 millóns de euros para construír e modernizar os equipamentos deportivos dos concellos da provincia. 

Galerias de imaxes