Luis López salienta que o +Provincia mobiliza esta semana máis de 1 millón de euros para impulsar investimentos en catro concellos da provincia
Os novos recursos beneficiarán aos concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas, Silleda e Vilagarcía de Arousa
27/09/2024
A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1 millón de euros para que Ponteareas, Salceda de Caselas, Silleda e Vilagarcía de Arousa impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. O presidente Luis López explicou que a Deputación segue “tendendo pontes cos concellos” grazas a este plan “que está a transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia“ e do que xa está case repartida a totalidade dos 48,2 millóns de euros.
En concreto, son 119.000 euros para que o Concello de Silleda realice as obras de mellora da mobilidade peonil e a rexeneración urbana no centro de Bandeira, un proxecto que ten un orzamento total de 948.000 € e que conta cunha achega do Programa DUS 5000. Ademais, Salceda de Caselas contará con 132.000 euros para levar a cabo os traballos para ampliar a rede de saneamento de Pardarrubias.
Por outra banda, para Ponteareas destínanse 145.000 euros para executar a primeira fase das obras de conservación e mellora do cemiterio municipal de San Miguel. E, finalmente, o Concello de Vilagarcía de Arousa recibirá 632.000 euros da liña 1 do Plan +Provincia para levar a cabo a humanización da rúa Conde Vallelano.