A Deputación completa o reparto dos fondos do +Provincia cunha achega de 290.000 euros para que Nigrán execute as obras de saneamento e abastecemento na Carballeira

Luis López: “Con esta axuda temos repartido xa os 48,2 millóns de euros do +Provincia, o plan máis ambicioso da Deputación co que, ao longo deste ano, tendemos pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”

11/10/2024

Conferencia de prensa de Luis López 11-10-2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 290.000 euros para que Nigrán impulse un novo investimento ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. O presidente Luis López explicou que con esta axuda "temos repartido xa os 48,2 millóns de euros do +Provincia, o plan máis ambicioso da Deputación co que, ao longo deste ano, tendemos pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia".  

Con estes preto de 290.000 euros o Concello de Nigrán vai executar as obras da rede de saneamento e abastecemento no camiño da Carballeira, no núcleo de San Roque, en Camos. En concreto, dotaráselle dunha rede de saneamento a través dun colector que descorrerá ata a última vivenda, localizada no punto máis baixo da estrada, onde un pozo de impulsión bombeará as augas residuais ata a actual rede de saneamento na EP-2102, no cruce co torreiro de San Roque.

Ademais, a proposta pasa por dotar ao camiño da Carballeira de rede subterránea de baixa tensión, o que permitirá eliminar o tendido aéreo nun futuro. Ademais, ensancharase e mellorarase o viario cun novo muro de contención e estendido de pavimento de formigón. "Estas obras súmanse ás aprobadas o venres pasado, cun importe de 300.000 € para mellorar a rede de saneamento e abastecemento na Pateira. Polo tanto, 600.000 € para Nigrán en tan só unha semana", concluíu López.

videos

audios