Arrancan as “Depo Andainas” cun percorrido este domingo pola Ruta da Sidra da Estrada

O vindeiro luns a Deputación abrirá prazo de inscrición para participar na segunda andaina que terá lugar o 23 de xullo pola Ruta da Auga de Silleda

23/06/2023

Depo Andainas, pola Ruta da Sidra da Estrada

Tiro de saída ao programa “Depo Andainas” que arranca este domingo, 25 de xuño, na Estrada cun percorrido pola Ruta da Sidra no que se darán cita preto de 200 persoas. Trátase dunha iniciativa gratuíta da Deputación de Pontevedra que oferta un total de catro andainas ata outubro a través das cales as e os participantes sentirán a natureza mentres camiñan por sendeiros situados en puntos emblemáticos da provincia. A próxima cita será o 23 de xullo pola ruta da auga de Silleda e este luns, 26 de xuño, ábrese o prazo de inscrición para participar na actividade.

A DepoAndainas da Ruta da Sidra iniciarase este domingo ás 10 horas e terá unha distancia total de 9 quilómetros. É circular e de dificultade baixa, con saída e chegada á Sidrería Peroja. Transcorrerá polos núcleos de Outeiro, A Pedreira, Pepe, Gonxar, Paraxó, O Souto, Sorribas, O Río, Ventosela e Brei de Riba, na Estrada, e farao de maneira continuada por plantacións de maceiras, que están en plena floración. Amais, nunha das sidrerías da zona, explicarase o proceso de elaboración da sidra.

As camiñadas, abertas a persoas de calquera idade que se consideren aptas para levar a cabo a actividade, abren a posibilidade de viaxar doutra maneira, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade patrimonial da provincia de Pontevedra. Tras pasar pola Estrada, a segunda andaina terá lugar o 23 de xullo cun percorrido pola ruta da auga en Silleda e o programa continuará o 10 de setembro pola ruta do miradoiro da Siradella no Grove (apertura de inscricións o 24 de xullo). O peche das “Depo Andainas” terá lugar en Cambados, cun percorrido pola ruta do Viño Rías Baixas o 8 de outubro (apertura de inscricións o 11 de setembro).

As “Depo Andainas” enmárcanse en “Depo Actívate”, o calendario de ata 13 accións que organiza a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Xunto a este programa inclúense tamén en “Depo Actívate” iniciativas como “Depo Auga”, as “DepoRutas BTT” e “Depo Orienta”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.