Esgotadas en minutos as prazas para as últimas saídas de “Depo Auga” que terán lugar a finais de xullo pola illa de San Simón

Celebrarase os días 29 e 30 de xullo e consistirá nunha ruta circular de 4 quilómetros na que se poderá ver o monumento ao capitán Nemo, as illas de San Simón e San Antón e fotografar a ponte de Rande desde unha perspectiva única

17/07/2023

En menos de 15 minutos esgotáronse as 32 prazas ofertadas para as últimas saídas do programa “Depo Auga”, co que a Deputación de Pontevedra oferta este verán actividades de pádel surf e caiac nos ríos e rías da provincia. A última actividade do programa desenvolverase os días 29 e 30 de xullo na contorna da Illa de San Simón, cun percorrido circular de 4 quilómetros a través do que se poderá ver o monumento ao capitán Nemo, as illas de San Simón e San Antón e fotografar a ponte de Rande desde unha perspectiva única.

O roteiro, dunha hora de duración aproximada, partirá da praia de Cesantes, en Redondela, e percorrerá a enseada de San Simón, situada na ría de Vigo e pertencente á Rede Natura 2000, importante pola súa biodiversidade debido á gran presenza de bivalvos e numerosas especies de aves. En total, haberá catro oportunidades de desfrutar desta actividade: o sábado 29 de xullo ás 12 e 13.30 horas e o domingo 30 de xullo ás 13.30 e 15 horas. En cada quenda haberá 8 participantes polo que se darán cita un total de 32 persoas na última cita deste programa provincial.

 “Depo Auga” enmárcase dentro de “Depo Actívate”, o calendario de actividades deportivas que organiza a Deputación ata o mes de outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Antes da ruta por San Simón, desenvolvéronse outras dúas “Depo Auga”: pola Illa de Tambo, no mes de xuño, e polo río Verdugo e as Salinas do Ulló, a pasada fin de semana.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.