#DEPORTES

Depo_Auga

Excursión guiada nunha táboa de pedal surf

O programa “Depo_auga” da Deputación de Pontevedra consiste en excursións guiadas polos ríos ou polas praias da nosa provincia nunha táboa de pedal surf: a Hobie Mirage Eclipse, dotada cun mecanismo exclusivo de propulsión a pedais e cun guiador para accionar o temón, o que proporciona máxima accesibilidade e estabilidade no medio acuático.

Apúntate e goza dunha actividade diferente coa que visitar contornas naturais espectaculares e localidades costeiras.


QUEN PODE PARTICIPAR?

Está dirixido ás persoas amantes da natureza. “Depo_auga” abre a posibilidade de realizar travesías de aproximadamente 1 hora e media polos ríos e costas da nosa provincia.

Neste programa poden participar grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores de idade (mínimo de 16 anos) con autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

NÚMERO DE ACTIVIDADES E PRAZAS

O programa “Depo_auga” ofrece actividades totalmente gratuítas, cun máximo de oito táboas e dúas quendas por día.

FORMALIZACIÓN DA INSCRICIÓN

As e os participantes poderán inscribirse a partir do día designado para o efecto pola Deputación ata completar o límite de prazas.

Aquelas persoas que se anoten con posterioridade (ata un máximo de 5) pasarán á lista de espera. O prazo de inscrición finalizará o luns anterior á realización da actividade, ás 10 horas.

En caso de non poder asistir á actividade na que se rexistrou deberá comunicarllo ao Servizo de Deportes antes de finalizar o prazo de inscricións para o que enviará un correo electrónico co nome e co DNI a deportes@depo.gal; deste xeito pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de espera. A partir dese día, as persoas que renuncien ou non asistan á actividade serán sancionadas e non poderán participar no resto das rutas.

Ás persoas participantes confirmaráselles a asistencia a través de www.depo.gal, coa publicación da lista definitiva.

FUNCIONAMENTO DO PROGRAMA

As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de partida da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa. Apuntaranse nunha das quendas que se ofertan por día, e entregaráselles todo o material necesario para realizar as actividades.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.