As Depo Andainas da Deputación chegan este domingo á ruta da Auga de Silleda

Os participantes na segunda camiñada do programa provincial percorrerán sendeiros do núcleo de Eirexe, en Graba

22/07/2023

A segunda das catro Depo Andainas programadas este ano pola Deputación de Pontevedra, desenvolverase este domingo 23 de xullo por paraxes do concello de Silleda. As preto de 200 persoas inscritas farán un percorrido circular de 8,4 quilómetros pola ruta da Auga, que pasará polo núcleo de Eirexe, na parroquia de Graba. A camiñada transcorrerá polas carballeiras da Devesa e polo arroio dos Mosqueiros, onde hai unha serie de muíños dos que os e as participantes poderán coñecer a súa historia e funcionamento e visitar. Da mesma maneira, pasará polo rego da Puza, onde é posible ver a cascada de Santa Mariña desde un pequeno miradoiro.

O programa Depo Andainas consiste nunha serie de rutas destinadas á poboación en xeral que permiten vivir e coñecer diferentes lugares da provincia de Pontevedra a través dos seus ríos, bosques e a súa variedade patrimonial. Tras pasar pola Estrada no mes de xuño, e esta fin de semana por Silleda, o programa continuará o 10 de setembro pola ruta do miradoiro da Siradella no Grove, un percorrido que contará con 200 prazas e para o que as inscricións abren este  luns, 24 de xullo, en www.depo.es. O peche das Depo Andainas terá lugar en Cambados, cun percorrido pola ruta do Viño Rías Baixas o 8 de outubro (apertura de inscricións o 11 de setembro).

As Depo Andainas, nas que poden participar persoas, grupos de amigas e amigos ou familias, enmárcanse en Depo Actívate, o calendario de ata 13 accións que organiza a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Xunto a este programa inclúense tamén en Depo Actívate iniciativas como Depo Auga, as DepoRutas BTT e Depo Orienta.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.