Preto de 200 personas participan este domingo na terceira “Depo Andainas” da Deputación cun percorrido polo monte da Siradella no Grove

A institución provincial abrirá este luns 11 de setembro o prazo de inscrición para participar na última camiñada do programa, que terá lugar o 8 de outubro por Cambados

09/09/2023

Preto de 200 persoas participarán este domingo 10 de setembro no monte da Siradella, no Concello do Grove, na terceira quenda do programa “Depo Andainas” promovido pola Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa deportiva da institución provincial permite á cidadanía sentir a natureza mentres camiña por sendeiros situados en puntos emblemáticos do territorio, no marco dunha aposta pola actividade física como forma de vida que, ademais, permite coñecer e descubrir a variedade patrimonial da provincia de Pontevedra.

A andaina deste domingo é unha ruta circular de dificultade baixa, duns 10 quilómetros de percorrido, cun ascenso de 231 metros e un descenso de 214 metros. A ruta partirá do centro urbano do Grove, na rúa Castelao, e discorrerá integramente pola península meca. Nesta contorna os participantes poderán observar paisaxes como a praia da Lanzada, as illas Ons e Sálvora ou vistas a concellos próximos como Meis, Cambados e Ribeira, entre outros. Durante a actividade, ademais, impartirase unha charla sobre o marisqueo na zona.

Este luns abren as inscricións da última “Depo Andainas” do ano

O programa “Depo Andainas” pechará a súa actual edición o próximo 8 de outubro en Cambados, cunha ruta arredor dos viños con Denominación de Orixe Rías Baixas, tras celebrárense outros tres percorridos na Estrada, Silleda e O Grove. As persoas interesadas deben anotarse desde este luns 11 de setembro a partir das 10:00 horas a través dun formulario no sitio web da Deputación cun total de 200 prazas.

Depo Andainas”” enmárcase en “Depo Actívate”, o calendario de accións que organiza a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte e transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Xunto a este, inclúense tamén “Depo Auga”, “DepoRutas BTT” e “Depo Orienta”.