200 persoas participan este domingo na Illa de Arousa na última “Depo Orienta” da tempada

A ruta de orientación na natureza, que esgotou as súas prazas en 24 horas, realizarase nunha contorna natural preto do campo de fútbol da Bouza, entre praias como Barbafeita ou Area da Secada

14/10/2023

200 persoas participarán este domingo nos arredores do campo de fútbol da Bouza, na Illa de Arousa, na última actividade do programa da institución provincial “Depo Orienta”. A través desta iniciativa, que esgotou a totalidade das prazas ofertadas en menos de 24 horas, os participantes deben realizar, no menor tempo posible e contra o reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa única axuda dun mapa.
 
A actividade realizarase nas inmediacións do campo de fútbol A Bouza da Illa de Arousa, situado nunha contorna natural con praias como Barbafeita ou Area da Secada. Os participantes competirán en tres categorías en función da dificultade técnica e da distancia: xestiñas (para nenos acompañados dunha persoa adulta), xestas (nenos maiores ou persoas adultas de xeito individual ou en grupo) e xesteiras (nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación, de xeito individual ou en grupo), de 2, 3 e 4 km respectivamente.

Coa “Depo Orienta” pola Illa de Arousa deste domingo remata esta iniciativa enmarcada no calendario de actividades deportivas de verán da Deputación de Pontevedra. A da Illa de Arousa é a terceira e última proba do programa, despois das celebradas no Monte Aloia (Tui) o 16 de xullo e no Monte Vixiador (Redondela) o 17 de setembro nas que se deron cita outras 400 persoas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.