Esgotadas en menos de dúas horas as prazas para participar na primeira actividade de “Depo_Auga”

O programa da Deputación para practicar pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia terá lugar os días 17 e 18 de xuño en Combarro e a Illa de Tambo

05/06/2023

En menos de dúas horas desde que se puxo a disposición das persoas interesadas o formulario de inscrición en www.depo.gal esgotáronse as 32 prazas ofertadas para a primeira actividade de “Depo_Auga”. Esta iniciativa, que promove a Deputación de Pontevedra para practicar pádel surf e caiac e poñer en valor ríos e rías da provincia, terá lugar os días 17 e 18 de xuño en Combarro e a Illa de Tambo (Poio).

Depo_Auga” contempla outras dúas actividades que se desenvolverán xa ao longo do mes de xullo. A segunda, tras Combarro e a Illa de Tambo, será pola desembocadura do Río Verdugo e as Salinas de Ulló, en Vilaboa, os días 15 e 16 de xullo, e a terceira e última terá lugar en Cesantes e a Illa de San Simón, en Redondela, os días 29 e 30 de xullo. Para a segunda “Depo Auga” a institución provincial abrirá o prazo de inscrición o 19 de xuño e para a terceira o día 17 de xullo. En cada unha das actividades haberá dispoñibles 32 prazas, 16 para cada día.

O programa “Depo_Auga” enmárcase en “Depo Actívate”, o calendario de actividades deportivas que organiza a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Amais de “Depo_Auga”, “Depo Actívate” tamén contempla outras iniciativas como as “Depo_Andainas”, “Depo_Rutas BTT” ou  “Depo_Orienta”. Nestes momentos está aberto o prazo para participar na primeira das andainas, a Ruta da mazá na Estrada (25 de xuño), tamén na primeira ruta BTT que terá lugar pola Costa da Vela en Cangas (27 de agosto) e na primeira actividade de orientación que será polo Monte Aloia, en Tui (16 de xullo). En cada unha destas tres actividades ofértanse 200 prazas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.