Carmela Silva subliña o talento da mocidade e o seu compromiso coa igualdade na entrega dos premios “Cambiemos o Conto”

Alba Domínguez, Sabela Vázquez, Aroa Vicente, Nerea Silva e Lía Fernández recibiron os galardóns do primeiro certame organizado pola Deputación para denunciar o carácter machista de estrofas ou versos de cancións populares

14/03/2023

Cambiemos o Conto

Escoller unha estrofa ou verso dunha canción cun marcado carácter machista e, a partir de aí, escribir un conto de denuncia, contrastando a situación con como queremos construír o mundo e as relacións desde o feminismo. Iso foi o que fixeron, de forma brillante e “convertendo estas cancións en reflexións para contarnos outro relato”, como destacou hoxe unha emocionada Carmela Silva, as cinco mozas gañadoras do primeiro concurso Cambiemos o Conto”, organizado pola Deputación no marco das accións do Manifesto de Soutomaior. Alba Dominguez, Sabela Vázquez e Aroa Vicente, gañadoras na categoría da ESO, e Nerea Silva e Lía Fernández, na de Bacharelato, recibiron hoxe os seus premios nun acto que abarrotou o salón de plenos do Pazo Provincial, coa presencia de 125 alumnas e alumnos dos centros de Sanxenxo, Vigo e Barro, onde estudan as mozas, e as actuacións da monologuista Carmen Conde e da cantante Silvia Chigliak, que interpretou unha versión mudando a letra do tema “Mala mía” de Maluma acompañada á guitarra por Iván Reija.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse “profundamente emocionada” pola calidade e o compromiso da mocidade e celebrou “o talento, neste caso destas cinco mulleres que amais de pensar moito e ben, escriben dunha forma tan fermosa, construíndo relatos a partir das letras que cada día escoitamos e cantamos e que están aí sen que nin sequera sexamos conscientes do pensamento e valores machistas que trasladan”. “Cancións que falan da submisión das mulleres, dun modelo único de moza que ten que ter unha estética determinada e una posición no mundo en subordinación. E estas mozas foron capaces de cambiar o conto”.  A presidenta agradeceu ao alumnado e ao profesorado presente o feito de “que a loita pola igualdade estea máis viva que nunca en vós e nos vosos centros educativos”. “É imprescindible –afirmou- que teñamos a igualdade como o centro da actuación educativa para construír sociedades mellores” porque “cando as mulleres avanzan, avanza o conxunto da sociedade e avanzan eles, porque tamén é intolerable pensar que os rapaces non teñen que ter sentimentos, non teñen dereito a ser coidadores e a outras moitas cuestións que lles están vetadas porque historicamente as tiveron que facer as mulleres”. Neste senso, agradeceu aos e ás docentes “ese traballo a veces silencioso e silenciado que é imprescindible e que ten inmenso valor para o ben común”.

Lembrou que este concurso xurdiu como unha das accións derivadas do Manifesto de Soutomaior, asinado para reivindicar á loita pola igualdade das mulleres da escrita e que tivo o seu primeiro encontro no Castelo de Soutomaior. “Aquela primeira vez fomos invitadas por Maria Vinyals e con ela grandes mulleres que son as nosas referentes –dixo-. E hoxe, todas elas estarían orgullosas e dirían: a nosa loita si que valeu para algo. Sentirían que o futuro vai ser mellor porque neste futuro estades esta nova xeración de rapazas e rapaces. Tedes que cambiar este mundo porque este mundo así non vai ben”.

As premiadas

Cada unha das mozas premiadas deu lectura no acto a un extracto dos seus relatos. Nerea Silva, do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, gañadora na categoría de Bacharelato, recibiu o premio de mans da presidenta provincial, e cita no seu traballo a estrofa  da canción “Duro”, de Chris Jedi e Anual AA, Solo pienso en ese culo y en el momento oportuno Baby yo te lo vo`a romper (bien duro). A moza escribiu a historia da “filla do señor máis poderoso da cidade”, que triunfa nunha partida de póker nunha casa de xogos ante un grupo de homes que se burlan dela e queren ridiculizala, e amosa, así, que os grandes cambios non se conseguen dun día para outro, senón a pasos pequerrechos. 

Alba Domínguez, de 2º de ESO do IES Vilalonga (Sanxenxo), que recibiu o primeiro premio na categoría de Secundaria de mans de Mariana Carballal, tomou como  punto de partida a canción infantil “Ao pasar a barca díxome o barqueiro” e, protagonizado por unha princesa, xoga literariamente cos tópicos dos contos para abordar temas como o machismo, o bullying, ou o delito da difusión de fotos íntimas polo móbil que sofre a protagonista. Despois de sentirse atrapada, de odiar a súa aparencia, acosada e de sufrir da man de quen a rodea, a protagonista logra saír do círculo, empoderarse e no seu conto acaba por fin sorrindo ante o espello. Tanto esta moza como Nerea Silva levaron como premio un ordenador portátil amais dunha actuación musical ou un encontro cunha escritora galega.

A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, entregou o segundo premio da categoría de ESO a Sabela Vázquez, do IES do Castro de Vigo, que leu “Medrosa Carolina”. Coa referencia á estrofa da canción “Carolina”, de MClan, Carolina, trátame ben non te rías de min, non me arrinques a pel…, aborda a historia do maltrato que sofre a protagonista, a adolescente Carolina, da man do seu noivo, narrada en primeira persoa por un protagonista singular: o seu medo. O medo “bo e necesario” que lle fai estar alerta e por fin reaccionar ante o último episodio de violencia machista do seu mozo, fuxindo e chamando ao 016.

E a editora Edurne Baines, integrante da comisión de seguimento do Manifesto de Soutomaior, foi quen lle deu o galardón a Aroa Vicente, de 3º de ESO do IES de Barro, que recibiu o terceiro premio polo seu conto “O temor de todo asasino”. Ao fío do verso do tema “Con calma”, de Daddy Yankee & Snow Ya vi que estás solita, acompáñame la noche es de nosotro', tú lo sabe' que ganas me dan, ganas de guayarte, mami, narra a entrevista dunha doutora en Criminoloxía a un home acusado de asasinar á súa muller, que alega defensa propia. Pero a mesma cámara que el colocara para comprobar se a muller tiña un amante delátao e é condenado.

Na modalidade de Bacharelato, FP Básica o de Grao Medio, o segundo premio foi entregado por Mercedes Corbillón, integrante do Manifesto de Soutomaior, a Lía Fernández, de 2º Bacharelato do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo polo seu relato “Incidente 34”. A canción de base é “Mala mujer”, de C Tangana, co verso Y ahora yo estoy llorando y ella bailando, mala mujer, aborda a relación tóxica entre unha muller e un home, contada en primeira persoa. A muller é vítima dun continuo chantaxe emocional e violencia psicolóxica, pero aguanta porque sempre lle dixeron que o amor pode con todo. Ata que un día di basta, colle as maletas e a porta e marcha sen mirar atrás.

Sabela Vázquez e Lía Fernández recibiron como galardón unha tablet e un encontro cunha escritora galega para compartir coas súas compañeiras e compañeiros dos seus respectivos centros educativos. Pola súa banda, Aroa Vicente recibiu un agasallo didáctico e, para compartir co alumnado do seu instituto, o obradoiro “Mudando Letras”. Amais, todo o alumnado presente no acto no salón de plenos levouse como agasallo unha das mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco da actual edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

Galerias de imaxes

videos