O programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” recala este xoves en Oia con “Comando comadres en acción”

Chelo do Rejo, Ángeles Iglesias e Anabell Gago, de Matrioshka Teatro, protagonizarán este espectáculo na Casa Cultural de Mougás a partir das 18 horas

17/05/2023

O programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” recalará este xoves, 18 de maio, no concello de Oia da man da compañía Matrioshka Teatro, que porá en escena na Casa Cultural de Mougás, ás 18 horas, “Comando comadres en acción”, unha peza que a través do humor ataca as múltiples manifestacións da violencia machista e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. As actrices Chelo do Rejo, Ángeles Iglesias e Anabell Gago protagonizarán esta nova acción para concienciar desde a arte contra as violencias machistas. A entrada é libre ata esgotar o aforo do local.

“Comando comadres en acción” é un espectáculo a partir da obra “Comando comadres”, dirixido e cocreado por Gena Baamonde xunto á actriz e cocreadora Ángeles Iglesias. En clave de humor, amosa a un grupo de mulleres “preparadas para as encomendas máis perigosas” que levan a cabo incursións no “territorio inimigo” para poñer luz sobre a inxustiza, e volver airosas da súa misión: crear unha rede de comandos a nivel mundial para render homenaxe a todas as heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do pasado das mulleres.

A compañía Matrioshka naceu no ano 2013 para facer “un teatro no que as intérpretes estean no centro da creación”. Aposta por linguaxes mesturadas que transitan entre o teatro máis clásico e o contemporáneo, con dramaturxias a pé de escena sen deixar de lado unha estética coidada, o sentido do humor e a naturalidade dun diálogo aberto co público.