O programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” chega este venres ao Rosal coa acción “Deshabitada” a cargo de Nerea Brey e Miriam Rodríguez
A Liga de Amigos do Rosal acollerá ás 20 horas esta performance, que busca amosar a relación entre machismo e coidados
15/06/2023
A casa na que habitamos adoita ser un refuxio, un lugar de descanso. Mais non é así para toda a familia e, ás veces, convértese “nun campo de traballos forzados” para as mulleres, sobre as que recaen case exclusivamente as tarefas de coidado. Este é o eixo da performance “Deshabitada”, que este venres protagonizarán na Liga de Amigos do Rosal (20 horas) as artistas Nerea Brey e Miriam Rodríguez, no marco do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Coa súa acción, ambas buscan poñer o foco no feito de que a citada situación “supón unha forma máis de machismo da que non sempre somos conscientes”.
A acción escénica que protagonizarán a actriz Nerea Brey e a videocreadora Miriam Rodríguez pretende amosar, a través de texto, movemento, vídeo e audio, como “este campo de traballos forzados” posúe “unhas fronteiras invisibles que, se non se sacan á luz, resultan máis complicadas de vencer”. A proposta ofrecerá audios con testemuñas de mulleres reais contando o seu día a día, así como imaxes en bucle referentes ao tema, para reflectir a situación que xera o feito de que os coidados e a organización da vida diaria acaben recaendo nas mulleres, tarefas que teñen que compaxinar co traballo fóra da casa. “Isto fai que teñan moi pouco tempo libre na casa e fóra e acaben medio recluídas por esa falta de tempo”, sinalan as artistas.
Respecto do título, Nerea Brey e Miriam Rodríguez explican que “habitar unha casa vai más alá do simple feito de comer e durmir nela, xa que tamén é ese tempo de descanso, de lecer que pasamos nela”. “Estas mulleres non habitan na casa, traballan nela, e moitas veces é un campo de traballo continuo –afirman-. E por outro lado, ‘Deshabitada’ é un título metafórico, xa que esta carga de que a propia muller estea deshabitada, non se habite a si mesma porque non ten ese tempo para preocuparse dela e das súas necesidades, xa que sempre está preocupada das dos demais”.
O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos, Gondomar, Oia e Baiona, e despois desta no Rosal as vindeiras serán en Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.