MJ Pérez e Sofía Espiñeira levan “O seu compás” a Marín de man do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”
A deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo, acudiu ao espectáculo musical no que as dúas artistas estiveron acompañadas da percusionista Ailén Kendelman
27/07/2023
Este xoves, as artistas MJ Pérez e Sofía Espiñeira foron as protagonistas do espectáculo Ao meu compás, no que uniron voz e música acompañadas da percusionista Ailén Kendelman. A fusión musical do estilo das dúas artistas estivo moi presente durante todo o concerto, no que lle deron voz a temas propios e alleos co seu propio estilo. O concerto, realizado ao abeiro do programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero”, tivo lugar na alameda Rosalía de Castro e contou coa presenza da deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo.
A arzuá MJ Pérez é unha das voces máis destacadas do panorama actual da música galega. Iniciou o seu percorrido en 2014 e na actualidade acumula xa máis de 200 concertos por toda Galicia e Portugal, en festivais e nos principais circuítos musicais da comunidade autónoma, e conta con catro álbums. A cantautora galega bebe de diferentes estilos, co predominio do pop-rock dos seus primeiros álbums e cun xiro cara a sons máis latinos e música de raíz no seu último traballo. Pola súa banda, Sofía Espiñeira é unha creadora e artista multidisciplinar que leva unha década cunha traxectoria centrada arredor do circo, do teatro, da danza e da música. No eido musical, o seu proxecto persoal, que nace no 2016 tras resultar gañadora do II Certame de Canción de Autor en Galego do concello de Teo, baséase en composicións orixinais con tonalidades de raíz e linguaxe propia que a levaron a ser xa, no 2022, finalista nos Premios Martin Códax da Música.
O programa provincial “Mulleres en acción. Violencia zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas aliadas. Mulleres aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona e Cambados, e despois desta en Marín as vindeiras semanas chegará a Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.