O goberno de Luis López impulsa no seu primeiro ano á fronte da Deputación novos programas que están a converter á provincia de Pontevedra nunha referencia en Igualdade

Impulsáronse por primeira vez dúas liñas de premios: E ti, que pensas da igualdade?, dirixida a escolares, e Boas prácticas en igualdade, para premiar as mellores iniciativas impulsadas na provincia nesta materia

05/07/2024

O goberno de Luis López impulsou ao longo deste primeiro ano de mandato á fronte da Deputación de Pontevedra novos programas que están a converter á provincia de Pontevedra nunha referencia en Igualdade. Neste aspecto, nestes primeiros doce meses de goberno naceron dúas novidosas liñas de premios: E ti, que pensas da igualdade?, dirixida a escolares, e Boas prácticas en igualdade, para premiar os mellores proxectos  impulsados na provincia nesta materia. Ademais o servizo de Igualdade que lidera a deputada provincial Sandra Bastos creou o programa +Xuntas, para mellorar a formación das mulleres, incrementou as bases de subvencións nun 12%, ampliou o programa “Aquí Faltan Páxinas” e lanzou unha campaña contra as agresións sexuais, estreada esta mesma semana, que prevé espallar por toda a contorna da xeografía provincial.

Para construír unha sociedade igualitaria é preciso educar desde a base. Con esta premisa e co obxectivo de fomentar o pensamento crítico, sensibilizar aos nenos e rapaces na importancia de acadar a igualdade e rexeitar a violencia de xénero e impulsar a súa creatividade, a institución provincial lanzou por vez primeira os premios E ti, que pensas da igualdade?, dirixidos a alumnado de Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato e FP básica ou de Grao Medio. A entrega de premios, que tivo lugar en maio en Príncipe Felipe, concentrou a preto de 400 persoas de centros educativos de Baiona, Cangas, Marín, Meaño, Nigrán, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

Outra iniciativa novidosa impulsada por vez primeira polo servizo de Igualdade son os premios Boas Prácticas en Igualdade, que repartirán 16.000 euros entre as categorías de cultura, deporte, educación e medio social e que acaban de pechar esta semana o prazo de presentación de candidaturas. Estes premios pretenden poñer en valor o compromiso da sociedade pontevedresa coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero, galardoando as mellores iniciativas e proxectos impulsados por entidades de iniciativa sen ánimo de lucro, persoas físicas ou entidades culturais, entidades deportivas, centros públicos de ensino ou asociacións de pais e nais.

Ademais, Igualdade lanzou o programa +Xuntas, cun orzamento de 324.000 euros, que vai impulsar a participación activa e tamén mellorar a formación das mulleres en ámbitos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde a través de 200 obradoiros.  Tamén ampliou o programa “Aquí Faltan Páxinas” que, por vez primeira, inclúe a unha muller viva, Mary Quintero, quen tamén protagonizou unha exposición que se pode ver aínda na sede de Vigo da institución provincial. Tamén por primeira vez incluíu colectivos de mulleres anónimas: as leiteiras de Pontevedra e as Madriñas de Redondela, que serán as protagonistas no mes de agosto.

E, na liña municipalista do goberno de Luis López e coa vontade de tender pontes co tecido asociativo, neste primeiro ano as axudas para concellos e entidades no ámbito da Igualdade e da loita contra a violencia de xénero medraron un 12%, ata chegar aos 460.000 euros. Destes recursos, 260.000 destináronse aos concellos e 200.000 a entidades sen ánimo de lucro que están a loitar contra a violencia machista e a promover a igualdade.

Ademais estanse a dar continuidade aos convenios coas universidades galegas en materia de igualdade e esta mesma semana acaba de lanzarse a campaña contra as agresións sexuais que conta con dúas liñas: “Compracer nunca, Con pracer sempre”, para facer un chamamento ao dereito das mulleres a decidir e á responsabilidade dos homes a respectar, e “Non a Líes. Alíate”, para implicar aos mozos no rexeitamento desta problemática e transmitirlles a necesidade de posicionarse fronte a ela. A campaña estará nos cinco Rías Baixas Fest e pretende chegar tamén aos 61 concellos da provincia e centros educativos para sensibilizar, concienciar, informar e formar á mocidade.

Nestes momentos o servizo de Igualdade que lidera Sandra Bastos está a traballar na creación do Consello Provincial das Mulleres e na formación en igualdade de diferentes perfís profesionais. Tamén está a organizar o Ateneo Provincial Pola Igualdade que agrupará diversos espazos de promoción da igualdade a través da formación, divulgación, investigación, cultura e arte e prevé espallar por toda a xeografía provincial.