#IGUALDADE

Campaña para a prevención das agresións sexuais

A violencia de xénero constitúe unha das máis graves vulneracións dos dereitos fundamentais das mulleres, en particular do seu dereito á vida, á liberdade, á dignidade e á seguridade.


A violencia sexual é unha das manifestacións da desigualdade de xénero que segue existindo entre mulleres e homes, é unha expresión da violencia exercida sobre as mulleres. Este tipo de violencia de xénero é un dos máis comúns entre a mocidade.

Por este motivo, desde a Deputación de Pontevedra ponse en marcha unha campaña de prevención, sensibilización, visibilización e actuación contra as agresións sexuais categorizadas como violacións en cita e das agresións sexuais por submisión química a través dunha campaña de difusión de materiais para a concienciación e a prevención que se distribuirán no ámbito lúdico-festivo.

Tendo en conta o público obxectivo da campaña, entendemos que a contorna das festas locais, festivais ou encontros dirixidos á mocidade son espazos idóneos para poñer en marcha esta iniciativa, dado que no contexto lúdico e festivo no que se desenvolven é onde se dan as circunstancias perfectas para enmascarar as agresións sexuais a mozas, coas escusas de seren contornos festivos nos que parece que “todo se permite”; o consumo de alcohol e outras circunstancias fan que a violencia sexual nestes contextos sexa a violencia que menos se denuncie, por ser a máis cuestionada e a máis difícil de demostrar.

Cos lemas “Compracer nunca. Con pracer sempre” e “Non a líes. Alíate!”  faise un chamamento ao dereito das mulleres a decidir e á responsabilidade dos homes a respectar, ao tempo que se visibiliza unha forma de violencia pouco atendida e moi normalizada como son as violacións en cita e as agresións por submisión química, dúas formas de agresión que obstaculizan o recoñecemento do delito e a súa posterior denuncia.

Esta campaña levarase aos Rías Baixas Fest, nas citas musicais do verán, pero tamén se  poñerá a disposición dos concellos e entidades da provincia que queiran implicarse na loita contra esta problemática, a través da realización do Programa de préstamo de puntos violeta.

  • Rías Baixas Fest
  • Programa de préstamo de puntos violeta

Programa de préstamo de puntos violeta

Este programa consistirá no préstamo dun posto ou carpa que será o punto central de referencia á fronte do cal debería estar persoal cualificado e onde se distribuirá o material que conforma a campaña: guías informativas, gorros e pulseiras.

Condicións do préstamo

A Deputación de Pontevedra facilitaralles aos concellos o material incluído no programa en condicións idóneas para o seu uso e, no momento da súa retirada, prestaráselles asesoramento para utilizáreno.

O servizo de préstamo é de carácter gratuíto; non obstante, as entidades solicitantes faranse cargo dos gastos derivados do transporte e do persoal necesario para a recollida, a instalación, a retirada e o retorno do material.

As entidades locais asumen os seguintes compromisos:

  • Devolver a carpa prestada no mesmo estado en que se lles entregou, sempre dentro do prazo previsto no momento da reserva.
  • Asumir, en todo caso, os gastos de reparación cando se produza unha deterioración grave desta.
  • Responsabilizarse da instalación do material e dos danos sobre terceiras persoas que esta poida ocasionar.

O material solicitarase a través da Sede electrónica da Deputación cubrindo o formulario de solicitude normalizado.

Tramitaranse as solicitudes por orde de entrada no Rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra.

Unha vez recibida a solicitude polo persoal encargado da xestión dos materiais, responderase a esta coa indicación da data e do horario para recoller o material e para devolvelo.

Non recoller ou non entregar o material na data e na hora establecidas pola Deputación de Pontevedra unha vez concedido o préstamo implicará a aplicación de penalizacións en futuras reservas.