A Deputación captou en 2022 máis de 15,4 millóns de euros de fondos europeos para desenvolver 24 grandes proxectos na provincia

Carmela Silva: “Estamos sendo capaces de captar moitos millóns de euros que, sumados aos recursos propios, nos axudan a facer transformacións da provincia nun prazo moito máis curto”

22/12/2022

Carmela Silva

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo un balance dos fondos europeos que a Administración provincial conseguiu captar ao longo de 2022 para desenvolver proxectos en toda a provincia. En concreto, foron 15,4 millóns de euros para 24 proxectos, que permitiron mobilizar un total de 18,3 millóns de euros. “Estamos sendo capaces de captar moitos millóns de euros que sumados aos noso recursos propios, nos axudan a facer transformacións da provincia nun prazo máis curto”, asegurou.

Ademais, hai outros 26 proxectos da Deputación que xa están presentados a diferentes convocatorias, cun custo total de 24,8 millóns de euros que son susceptibles de recibir arredor de 17,75 millóns de subvencións europeas. “Nunha parte moi importante –asegurou a presidenta- imos recibir a financiación, porque xa estamos no listado de proxectos que compren coas bases”. Son proxectos para infraestruturas, mellora da mobilidade sostibilidade, rehabilitación, turismo, transformación dixital das administracións das entidades locais, granxas enerxéticas, Axenda 2030, etc. Por outra banda, a Administración provincial conta con 12 proxectos que se atopan en vías de tramitación, elaboración e valoración, “porque as convocatorias ou están abertas para poder presentarse ou a piques de saír”. Trátase, neste caso, de “proxectos moi importantes” como dixitalización do ciclo da auga, infraestruturas, a creación na provincia dunha oficina de comunidades enerxéticas, contornas saudables, bioeconomía, turismo, patrimonio, cooperación transfronteiriza, xestión de residuos, etc.

Máis polo miúdo, en canto aos proxectos que xa recibiron financiamento europeo, no relativo á promoción económica, a Deputación conta con tres proxectos de apoio á actividade comercial, Da túa man”, “Da túa man rural” e “Commerce Inside, financiados con 2,01 millóns de euros de fondos europeos. En materia de turismo, os plans de sostibilidade turística das comarcas do Condado Paradanta e O Deza recibiron algo máis de tres millóns; en cultura, o laboratorio de proxectos audiovisuais na Illa de San Simón, Conectalab, conta con 182.920 euros, e os fondos europeos permitirán tamén poñer en marcha dúas oficinas Acelere Pyme Rural, unha en Cambados e outra en Tui, grazas a unha inversión de 410.000 euros.

No caso da eficiencia enerxética, ámbito no que, como explicou Carmela Silva, a Deputación “este ano aínda xestiona varios proxectos que foran subvencionados no 2021”, cinco proxectos de aerotermia e iluminación sostible en 25 concellos recibiron un total de 3,16 millóns de recursos europeos, e as obras de mobilidade sostible de cinco estradas provinciais 2,58 millóns de euros. Ademais, ao abeiro do programa PIREP de rehabilitación e mellora de edificios públicos, a mellora do CEIP Daría González recibiu 1,76 millóns de euros. Tamén en materia de medio ambiente a Deputación puido financiar dous proxectos: un de xestión e aproveitamento de piñeirais, Depoforest, con 92.000 euros, e outro de tratamentos contra o mildo na vide con 180.000 euros de fondos europeos, Go Plasmowine.

En canto a cooperación transfronteiriza, área na que tamén se estiveron xestionando recursos do POCTEP doutros anos, a Deputación recibiu algo máis de medio millóns de euros para a cooperación co norte de Portugal, en concreto para proxectos ao abeiro de Visit Rio Minho, “un proxecto turístico entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, para que os turistas poidan percorrer os concellos de ambos lado do Miño”. Ademais, en materia de xestión de residuos, a Deputación vén de recibir unha subvención de preto de 100.000 para capitalizar o proxecto ESTRAEE, que permitiu modernizar os puntos limpos da provincia e do norte de Portugal.

Por último, o Practicum Depo, que ten un orzamento de máis dun millón de euros e permite, como explicou a presidenta, “que mozos e mozas da provincia poidan facer práctica laborais en empresas e institucións europeas”.  Precisamente, a Xunta de Goberno aproba este venres 306.427 euros para 40 graduados e graduadas en ciclos medios de Formación Profesional. É a quinta mobilidade da edición de 2021, que permitirá que 15 alumnas e 25 alumnos poidan completar a súa formación grazas as axudas de estancia e viaxe da Institución provincial en Portugal (17 persoas), Italia (13), Finlandia (3), Malta (3), Irlanda (2) e República Checa (2).

Os estudantes, provenientes de 15 centros educativos de Marín, Pontevedra, Vigo, As Neves, Redondela, Salvaterra de Miño, Cambados, Bueu, Cangas, Lalín e Sanxenxo realizarán as súas prácticas durante entre catro e oito meses e percibirán axudas para a súa estancia que irán dos 4.721 ata os 10.078 euros, dependendo do país de destino elixido e a duración da estancia.