#MEDIONATURAL
DEPOFOREST
Xestión integral e aproveitamento de piñeirais
Este proxecto pretende introducir, a través da formación, os coñecementos necesarios para realizar esa xestión a longo prazo na plantación para obter o maior beneficio e conseguir a mellor madeira de calidade; e, asemade, procura outra serie de actividades económicas que non só nos van axudar a acadar o mellor produto no horizonte deses 15-20 anos, senón que poden ser fontes de ingresos complementarios de forma máis periódica.
Convocatoria: Convocatoria de subvencións da Fundación Biodiversidad para a creación de emprego a través de proxectos de formación, asesoramento e innovación social dirixidos a persoas desempregadas no exercicio 2021, no marco do Programa Empleaverde cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
Orzamento total: 102.466,52 €
Porcentaxe de cofinanciamento: 90 %
Orzamento da Deputación: 10.246,65 €
Obxectivo xeral:
O obxectivo xeral do proxecto “Depoforest” é asumir as políticas para facerlles fronte ao reto demográfico e ao despoboamento territorial, e crear emprego verde no medio rural para contribuír á protección integral do monte dentro dunha estratexia forestal diversa e sostible.
Descrición do proxecto:
A actividade de extracción de resina é moi recente en Galicia mais o seu potencial é evidente, tan só freada nestes momentos pola falta de formación técnica necesaria para levala a cabo, aspecto fundamental no que incide este proxecto, polo que pode converterse nunha grande oportunidade laboral para as e os habitantes do medio rural de moitas zonas da provincia de Pontevedra.
Esta actividade pódese combinar do mesmo xeito con outras coma o aproveitamento micolóxico coas técnicas de micorrización e a de determinada gandería cunha vocación de sistema silvopastoril.
Cómpre salientar, de igual forma, que mediante a introdución deste tipo de actividades nas plantacións non só estamos a darlle un valor engadido e unha rendibilidade anual á plantación mentres esperamos a corta da madeira, senón que, como demostran os datos, a presenza continuada de actividade no monte é a mellor garantía de loita contra os incendios forestais pola redución de matogueira nas plantacións.
O proxecto desenvolverase en zonas rurais da provincia de Pontevedra e en Castela e León, e irá destinado ás persoas en situación de desemprego, tanto propietarias de parcelas coma habitantes do medio con interese en desenvolver esta actividade de forma externa.
As accións constan dunha parte de formación teórica na aula (22 horas) e outra de formación práctica en parcelas (38 horas). Ademais, dentro da formación na aula, dado o perfil das persoas destinatarias, introduciríase a formación en estratexias de procura de emprego; e na formación práctica, na medida do posible, proxectaríanse visitas a parcelas que xa desenvolven este tipo de actividades.
Datas e lugares onde se van realizar os cursos de formación
Provincia | Concello | Data e hora de comezo | Aula de formación |
---|---|---|---|
Pontevedra | O Rosal | Luns 21 de novembro, ás 9 horas | Centro de Formación Municipal A Mata Rúa Cumieira de Riba s/n, 36670 O Rosal |
Moaña | Patronato Beiramar Lugar A Carrasqueira s/n, 36958 Moaña | ||
Caldas de Reis | Luns 12 de decembro, ás 9 horas | Local social de Santa María, R/ Pazo 25-B, Santa María, Caldas de Reis | |
A Cañiza | Casa da Cultura da Cañiza, R/ Progreso s/n, 36880 A Cañiza | ||
Portas | Biblioteca municipal de Portas, aula usos múltiples. Rapeira, s/n 36658, Portas | ||
León | Luyego | Luns 9 de xaneiro, ás 09:00 h | CRA Valle del Valduerna, C/ Santiago Apóstol, 15A, 24721 Tabuyo del Monte, León |
Brañuelas (Villagatón) | Sala de formación no viveiro de empresas do polígono industrial de Brañuelas, León |